-Subvencións para a promoción, comercialización e exhibición do produto audiovisual galego: convocatoria

[25/09/2014]  A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica no DOG núm. 183, do 25 de setembro de 2014 (corrección de erros no DOG núm. 190, do 6 de outubro de 2014), as bases para a concesión de subvencións para a promoción, comercialización e exhibición do produto audiovisual galego, que se convocan por vez primeira este ano.

Dotación:
O importe global máximo para o financiamento desta convocatoria será de 120.000 euros, dos que 105.000 euros se destinan á modalidade B e 15.000, á modalidade A.

Beneficiarios:
1. Poderán optar a estas axudas todas as persoas físicas ou xurídicas, dedicadas á actividade de produción no eido audiovisual galego, que leven a cabo algunha das actividades descritas como subvencionables nas bases.

2. En calquera caso, a consideración dos proxectos como incentivables estará supeditada ás necesidades de apoio que se desprendan do seu carácter cultural, ás condicións económico-financeiras do proxecto e ás do seu impacto na actividade cultural da comunidade autónoma.

3. Só poderán participar nesta convocatoria aquelas persoas que teñan unha participación igual ou superior ao 20 % do proxecto audiovisual.

Modalidades:

MODALIDADE A. Axudas para a participación de producións galegas en festivais de cine de carácter nacional e internacional de recoñecido prestixio, celebrados durante o ano 2014.


Requisitos:
– O festival debe terse celebrado entre o 1 de xaneiro de 2014 e o 30 de novembro de 2014.
– Debe ser un dos festivais relacionados na cláusula terceira, e nalgunha das seccións que se especifican nas bases.

MODALIDADE B. Axudas para a comercialización e distribución de películas de produción galega. Só poderán presentarse a esta modalidade aquelas películas rematadas que conten con certificación do ICAA emitida a partir do 1 de xaneiro de 2014, e ata a data de finalización da presentación de solicitudes, e que se correspondan con longametraxes de ficción, documental e animación.

Para poder optar á subvención correspondente á modalidade B será requisito obrigatorio acreditar unha distribución mínima de 5 copias da película en Galicia e 10 copias no conxunto do Estado.

Sen prexuízo da posible presentación de máis dunha solicitude distinta por un mesmo solicitante, na modalidade B só poderá ser obxecto de subvención unha produción por solicitante. Unha mesma produción pode optar ás dúas modalidades se cumpre os requisitos exixidos para cada unha. Non poderá presentarse o mesmo proxecto por empresas distintas.

Prazo de presentación:
Do 26 de setembro ao 25 de outubro

Presentación das instancias:
Preferiblemente por vía electrónica a través do porta https://sede.xunta.es. De xeito alternativo, tamén se poden presentar en soporte papel por calquera dos medios que se especifican nas bases e utilizando o formulario normalizado que se pode descargar nese mesmo portal.


-Bases publicadas no DOG
-Corrección de erros
-Acceso á tramitación en liña
-Modelo de solicitude