-Prazos de preinscrición e de matrícula no curso de posta en escena a cargo de Joël Beddows, organizado pola USC en colaboración coa Agadic

O director canadense Joël Beddows impartirá en xaneiro de 2015 en Santiago un curso de dirección de posta en escena, organizado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) en colaboración coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e o Centro Dramático Galego (CDG) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

A actividade, que se desenvolverá entre o 12 e o 23 de xaneiro, está destinada aos actores e aos directores que desexen perfeccionarse na dirección teatral a través da adquisición de distintas técnicas e dunha profunda reflexión práctica sobre a posta en escena.

Información práctica:
Datas de preinscrición: do 24/11/2014 ao 28/11/2014
Lugar de preinscrición: secretaría do Departamento de Filoloxía Francesa e Italiana. Facultade de Filoloxía. Tel. 881811840. Despacho: 326. De 9 h a 14 h.
E-mail: luis.lorenzo@si.usc.es
Datas de matrícula: do 1/12/2014 ao 12/12/2014
Datas de realización do curso: do 12/01/2015 ao 23/01/2015
Horario de luns a venres: de 10 h a 14 h e de 15 h a 18 h (70 horas)
Custo da matrícula: 100 euros
O curso impartirase en castelán ou en galego.
Os participantes obterán un diploma da Universidade de Santiago de Compostela.

Joël Beddows
Joël Beddows é un brillante director canadense francófono, que vive na provincia de Ontario. Posúe unha ampla experiencia profesional, dirixiu o teatro A Catapulte (en Ottawa) e obtivo numerosos premios. É, ademais, profesor e director do Departamento de Teatro da Universidade de Ottawa e autor dunha ampla obra teórica.

No tocante ao aspecto creativo, une ao seu labor de director unha profunda reflexión dramatúrxica, teórica e histórica, polo que se lle atribúe a capacidade de explicar con claridade a relación entre a práctica e a teoría e a historia do teatro, aplicándoa a unha práctica escénica inmediata.

Contido do curso:
O curso articularase arredor de dúas nocións paradoxalmente asociadas no proceso creador de calquera director: os límites e a liberdade.

En efecto, o director contemporáneo vese obrigado a repasar o seu concepto de límite en función dunha serie de realidades (a miúdo, fóra do seu control) propias a cada proxecto ou a cada contexto de creación. Tanto se se trata dun límite material, técnico, financeiro, espacial ou artístico, o director vese confrontado a unha serie de fenómenos percibidos como obstáculos no seu proceso creador que o poden levar a ata a abandonar un proxecto.

Deste xeito, o encontro proporá, nun primeiro momento, unha serie de exercicios prácticos que terán como obxectivo inverter esta lóxica e demostrar en que medida o espírito creador permite xustamente ver, neses límites, ocasións para os artistas de renovar o seu discurso artístico. Despois, nunha orde de ideas semellante pero nunha lóxica puramente estética, os participantes neste curso deberán reflexionar e poñer en práctica como a partir dunha linguaxe artística (os versos, as diferentes formas prosaicas, o anuario de teléfono, etc.) se pode crear unha linguaxe escénica. Nun terceiro momento, os exercicios conduciranos a comprender en que medida a súa propia relación coa práctica é un límite do que se poden liberar, en que medida a súa práctica se define tanto polo compromiso cun pensamento persoal ou cun procedemento formal, como coa súa ruptura e a súa posta en cuestión. Así, os alumnos e alumnas serán invitados a ver en que medida a súa práctica é un laboratorio: o seu!

Para iso, os participantes deberán ler, antes do principio do curso, Le testament (O testamento), de Michel Ouellette (obra de ciencia ficción), Les aveugles (Os cegos), de Maurice Maeterlinck (obra simbolista); e Visage de feu (Cara de lume) de Marius von Mayenburg (obra decadente). Estes textos seranlles remitidos trala formalización da inscrición. Así mesmo, deberán memorizar un poema contemporáneo da súa elección de polo menos oito versos.