-Subvencións a festivais de artes escénicas e de música: convocatoria

[08/03/2016] A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) publica no DOG  núm. 46, do 8 de marzo de 2016, as bases das subvencións a festivais de artes escénicas e de música que se leven a cabo en Galicia entre o 1 de novembro de 2015 e o 31 de outubro de 2016 e que teñan realizado un mínimo de dúas edicións anteriores.

Dotación:
390.000 euros (220.000 euros para festivais de música e 170.000 euros para os de artes escénicas)

Beneficiarios:
Persoas físicas e xurídicas de carácter privado, domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da UE ou asociado ao Espazo económico Europeo, que desenvolvan a súa actividade en Galicia, así como entidades locais galegas. Neste último caso, poderán presentar as súas propostas individualmente ou de xeito conxunto, baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade, fundación, fusión ou similar).

Contías:
A contía das subvencións determinarase en función das dispoñibilidades orzamentarias, o orzamento do proxecto, o importe solicitado e a puntuación derivada da aplicación dos criterios de valoración. O máximo que se pode solicitar e conceder é de 50.000 euros.
A porcentaxe máxima de concesión de subvención a través desta convocatoria a un festival non poderá exceder o 50 % do seu orzamento subvencionable, salvo para as solicitudes conxuntas de entidades locais, ou solicitudes de entidades resultantes de fusión, que poderá alcanzar ata un máximo do 65 % do orzamento subvencionable.

Prazo de presentación:
Do 9 de marzo ao 8 de abril de 2016

Principais requisitos:
a) Celebración: o festival debe levarse a cabo entre o 1 de novembro de 2015 e o 31 de outubro de 2016. Enténdense incluídos os festivais iniciados ata o día 31 de outubro.
 
b) Antigüidade: o festival ten que ter realizado un mínimo de dúas edicións, excluída a edición obxecto desta convocatoria.
 
c) Contratación artística: o festival ten que ter un orzamento mínimo de contratación artística do 40 % do orzamento subvencionable, para a modalidade A (festivais de música), e un 30 % do orzamento subvencionable para a modalidade B (festivais de artes escénicas).
 
d) Programación: o festival debe ofrecer un mínimo de seis compañías ou grupos.
 
e) Presenza de compañías galegas: só para a modalidade B (festivais de artes escénicas), as formacións ou compañías maioritariamente compostas por artistas que desenvolvan principalmente a súa actividade profesional en Galicia teñen que representar, como mínimo, o 20 % do orzamento de contratación profesional artística do festival ou un mínimo do 30 % do total das actuacións profesionais artísticas que se ofrezan. Quedan excluídos do cumprimento deste requisito os festivais presentados á modalidade A (festivais de música).
 
f) Entradas de pagamento: polo menos un 50 % dos concertos ou representacións escénicas teñen que ser con entradas de pagamento, excepto os festivais de artes escénicas de rúa.
 
Quedarán excluídos de subvención aqueles festivais que non alcancen un mínimo de 50 puntos nos criterios de valoración. Non terán dereito a recepción de axuda aqueles festivais que non alcancen, polo menos, 25 puntos na letra B da base décimo primeira (valoración do proxecto para o cal se solicita a subvención). Na programación do festival non se poderán incluír, en ningún caso, funcións contratadas a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios ou da Rede Galega de Música ao Vivo.
 
Non se poderán subcontratar, nin total nin parcialmente, as actividades subvencionadas, de acordo co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Presentación das instancias:
Preferiblemente por vía electrónica a través do portal https://sede.xunta.es. De xeito alternativo, tamén se poden presentar en soporte papel por calquera dos medios que se especifican nas bases e utilizando o formulario normalizado que se pode descargar nese mesmo portal.
 
-Bases publicadas no DOG
-Acceso á tramitación en liña
-Modelo de solicitude