-Selección de actores/actrices para a produción de 2016 "Tartufo": convocatoria

[26/05/2016] A Axencia Galega das Industrias Culturais publica hoxe a convocatoria para a selección de actores/actrices para a produción de 2016 do seu Departamento de Produción Teatral –Tartufo, do Centro Dramático Galego– de acordo coas seguintes bases:
 
Primeira.- Normas xerais
 
1.1  Número e características das prazas
Convócase proceso de selección para a contratación, baixo a modalidade de contrato especial para artistas ao abeiro do RD 1435/85, de 1 de agosto, de 10 prazas de actores e actrices, coa categoría de protagonista (2 prazas) e de principais (8 prazas), para a produción do Centro Dramático Galego no ano 2016 “Tartufo”de Molière. Os personaxes a interpretar son: Orgón, Tartufo, Dorina, Cleanto, Damis, Dorina, Elmira, Madame Pernelle , Mariana, Valerio, un garda e outros.
 
Os rangos de idade dos personaxes é o seguinte:

ORGÓN: Entre os 45 e 70 anos. (protagonista)
TARTUFO: Entre os 30 e 60 anos. (protagonista)
CLEANTO: Entre os 35 e 55 anos. (principal)
DAMIS: Entre os 20 e 30 anos. (principal)
DORINA: Entre os 20 e 50 anos. (principal)
ELMIRA: Entre os 35 e 45 anos. (principal)
MADAME PERNELLE: Entre os 50 e 70 anos. (principal)
MARIANA: entre os 17 e 27 anos. (principal)
VALERIO: entre os 20 e 30 anos. (principal)
UN GARDA E OUTROS: entre 20 e 70 anos. (principal)
 
A praza coa categoría de protagonista estará dotada cunha retribución mensual de 2.634,50 Cada praza da categoría de principal estará dotada cunha retribución mensual de 1.994,76 € , de acordo coas contías publicadas mediante RESOLUCIÓN do 31 de maio de 2013, da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no DOG do acordo da comisión negociadora do convenio de actores e actrices de teatro de Galicia. A contratación farase con cargo á aplicación orzamentaria 10 A1 432B 640.1, código de proxecto 2015/00001 do exercicio 2016 da Agadic.
 
A duración do contrato será do 01/08/2016 ao 31/12/2016 (ambos os dous incluídos).
 
1.2 Procedemento de selección
O procedemento de selección constará de dúas fases: unha primeira de valoración do currículo profesional e a segunda que consistirá nunha proba de interpretación, á que accederán aquelas persoas que superen a primeira fase.
 
Segunda.- Requisitos dos aspirantes
Para seren admitidos os aspirantes deberán reunir no último día do prazo de presentación de instancias os seguintes requisitos:
 
2.1.1 Nacionalidade: ser español ou nacional dalgún dos Estados membros da Unión Europea, ou nacional dalgún Estado ao cal, en virtude dos tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España, lle sexa de aplicación a libre circulación de traballadores.
 
Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, o cónxuxe dos españois, dos nacionais dalgún dos demais estados membros da Unión Europea, cando así prevexa o correspondente tratado, e dos nacionais dalgún Estado, ao cal en virtude dos tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España lle sexa de aplicación a libre circulación de traballadores, sempre que non estean separados de dereito, así como os seus descendentes e os do seu cónxuxe, menores de vinte e un anos ou maiores de dita idade que vivan ás súas expensas.
 
Así mesmo, poderán participar os que, non estando incluídos nos parágrafos anteriores, se atopen en España en situación de legalidade, sendo titulares dun documento que os habilite a residir e poder acceder sen limitacións ao mercado laboral. En consecuencia, poderán participar os que se atopen en situación de residencia temporal ou residencia permanente, así como os refuxiados.
 
2.1.2 Idade: ter cumpridos os dezaseis anos
 
2.1.3 Titulación: polas características das prazas, non terá que acreditarse titulación.
 
2.1.4 Capacidade: non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.
Todos os requisitos enumerados nas anteriores bases deberán posuírse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes e manterse ata o momento de toma de posesión da praza resultante deste proceso selectivo.
 
Terceira.- Solicitudes
 
3.1 Forma
Quen desexe tomar parte na convocatoria deberá formula-la súa solicitude no modelo de instancia que figura como anexo I, xunto coa seguinte documentación:

1. Copia do DNI, NIE ou pasaporte.

Os aspirantes estranxeiros que residan en España deberán presentar, ademais, unha fotocopia cotexada da tarxeta de residente comunitario ou de familiar de residente comunitario en vigor ou, se é o caso, da tarxeta temporal de residente comunitario ou de traballador comunitario fronteirizo en vigor.
 
Os aspirantes que sexan nacionais da Unión Europea ou dalgún Estado ao cal, en virtude dos tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España lle sexa de aplicación a libre circulación de traballadores, que non residan en España, ben por residiren no estranxeiro ou por atopárense en España en réxime de estadía, deberán presentar unha fotocopia cotexada do documento de identidade ou pasaporte.
 
Os familiares dos anteriores deberán presentar unha fotocopia cotexada do visado e, se é o caso, do xustificante de ter solicitado a correspondente tarxeta. De non ter solicitados estes documentos, deberán presentar os documentos expedidos polas autoridades competentes que acrediten o vínculo do parentesco e unha declaración responsable de non estar separado de dereito do seu cónxuxe , se é o caso, do feito de que o aspirante vive ás súas expensas.

2. Currículo vitae no que consten, debidamente xustificados, títulos de capacitación profesional, postos de traballo desempeñados, anos de servizo en cada posto, outros estudos e cursos realizados, así como aqueles méritos e circunstancias con relevancia para o posto de traballo que o solicitante considere oportuno incluír, referidos á data de finalización de presentación de solicitudes.
 
Para xustificar os méritos alegados, será preciso que as persoas aspirantes acheguen xunto co currículo copias compulsadas dos títulos ou diplomas correspondentes e contratos que así o acrediten. Tamén poderán achegarse certificacións orixinais ou fotocopia compulsada destas, expedidas polas entidades que impartiron a formación ou que procederon a súa contratación.

3. Unha fotografía de corpo enteiro.

4. Deberanse achegar materiais que recollan a experiencia profesional previa en soporte DVD ou links a plataformas de vídeo-web como vimeo, youtube ou similares.
 
3.2 Lugar de presentación e prazo
Os aspirantes deberán presentar a súa solicitude:

  • Por correo postal a: Agadic, Cidade da Cultura de Galicia, Monte Gaiás s/n, 15707 Santiago de Compostela.
  • No rexistro da Agadic.
  • Ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38 da lei 30/1992, do 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común.
O prazo de presentación será de DEZ DÍAS HÁBILES contados a partir do día seguinte ao da publicación da presente convocatoria.
 
Cuarta.- Probas
As probas constarán de dúas fases: valoración do currículo profesional e proba de interpretación. A puntuación máxima a acadar é de 50 puntos.
 
Primeira fase: Valoración de currículo profesional (20 puntos máximo)
O tribunal avaliará e seleccionará, atendendo aos criterios de idoneidade e experiencia teatral, o currículo achegado polo/a aspirante, valorando os seguintes méritos:
  • O coñecemento e uso do idioma galego no plano cotián e artístico (4 puntos máximo).
  • As capacidades interpretativas no estilo realista para espectáculos teatrais (4 puntos máximo).
  • A experiencia e formación profesional na área da representación teatral (4 puntos máximo).
  • A achega de materiais audiovisuais das traxectorias profesionais (4 puntos máximo).
  • Pertencer ao rango de idade establecido para cada personaxe ou aparentalo a xuízo do tribunal (4 puntos máximo).
 
Ditos méritos poderán ser acreditados mediante títulos de capacitación profesional, postos de traballo desempeñados ou outros estudos e cursos realizados. Para estes efectos, o órgano de selección poderá requirir documentación aclaratoria ou complementaria dos méritos alegados cuxos documentos acreditativos considere insuficientes ou confusos.
 
Para superar esta fase, será preciso que as persoas candidatas reúnan a puntuación mínima fixada polo tribunal de selección.
 
Rematada esta primeira fase, publicarase no taboleiro de anuncios da Agadic, no taboleiro de anuncios do Departamento de Produción Teatral, sito no Salón Teatro, e na páxina web www.agadic.gal, listaxe de seleccionados/as para a segunda fase, concedéndose un prazo de tres (3) días hábiles para formular as alegacións que os/as interesados/as consideren oportunas.
 
Unha vez resoltas estas alegacións publicarase listaxe coa puntuación definitiva, entendéndose desestimadas as alegacións daqueles aspirantes que non experimenten variación.
 
Segunda fase: Probas de interpretación (puntuación máxima 30 puntos)
As audicións celebraranse no Salón Teatro, situado na Rúa Nova, Nº 34, de Santiago de Compostela, nas datas e horas que se sinalen no momento da publicación da listaxe de admitidos/as. En todo caso, as probas non comezarán antes das 48 horas seguintes a devandita publicación.
 
As probas individuais consistirán nunha proba de interpretación dos parlamentos que para cada un dos personaxes se publicarán cunha antelación mínima de 48 horas á realización da proba. Así mesmo, contémplase a posibilidade de convocar a un mesmo actor ou actriz para máis dun personaxe, así como a repetición da proba no caso de considerarse necesario por parte dos membros do tribunal para a axeitada configuración do elenco. As probas poderán ser gravadas en vídeo para uso exclusivamente interno do mesmo.
 
Rematadas as probas de selección, o tribunal publicará no taboleiro de anuncios da Agadic , no taboleiro de anuncios do Departamento de Produción Teatral, sito no Salón Teatro, e na páxina web www.agadic.gal a relación de seleccionados, concedéndose un prazo de tres (3) días hábiles para formular as alegacións que os/as interesados/as consideren oportunas.
 
Unha vez resoltas estas alegacións publicarase a listaxe coa puntuación definitiva, entendéndose desestimadas as alegacións daqueles aspirantes que non experimenten variación.
 
Quinta. Cualificación das persoas seleccionadas
 A cualificación final virá determinada pola suma das puntuacións acadadas nas dúas fases anteditas.
 
Rematadas as probas de selección, o tribunal publicará na páxina web da Agadic (www.agadic.gal), así como no taboleiro de anuncios da Agadic e do Departamento de Produción Teatral, a relación de seleccionados/as.
 
Cos/as candidatos/as que non resulten seleccionados/as formarase unha listaxe diferenciada por personaxe, para eventuais substitucións por renuncias ou baixas dos titulares, respectándose a orde de puntuación acadada nas probas de selección, que tamén será publicada polo tribunal nos lugares indicados.
 
Será posible declarar prazas desertas se, a criterio do tribunal, os/as candidatos/as non reúnen a puntuación mínima necesaria fixada conforme aos criterios de selección da presente convocatoria.
 
Sexta.- Lugar de publicación
A presente convocatoria publicarase no taboleiro de anuncios da Agadic, no taboleiro de anuncios do Departamento de Produción Teatral, sito no Salón Teatro, e na páxina web www.agadic.gal.
 
No prazo de cinco días hábiles, desde o remate do prazo de solicitude, publicarase a lista definitiva de admitidos.
Todas as listaxes que xere esta selección serán publicadas no taboleiro de anuncios da Agadic e na páxina web www.agadic.gal.
 
Sétima.- Tribunal
O tribunal encargado da selección dos candidatos, cuxos membros serán nomeados pola Dirección da Agadic a proposta da coordinadora do Departamento de Produción Teatral desta axencia, estará constituído polos seguintes membros:
 
Presidente.- O director artístico seleccionado da nova produción.
Vogais.- A coordinadora do Departamento de Produción Teatral da Agadic e un experto asesor independente.
Secretario/a.- Un membro do cadro de persoal administrativo da Agadic, que actuará con voz pero sen voto.
 
No suposto de ausencia do presidente, este será substituído pola coordinadora do Departamento de Produción Teatral da Agadic.
 
O tribunal quedará validamente constituído coa asistencia de como mínimo a metade máis un dos seus membros e maila asistencia do presidente e do secretario/a.
 
Oitava.- Sinatura do contrato
Os candidatos seleccionados disporán de 5 días naturais para presentar na Agadic a seguinte documentación:
  • Copia do DNI / NIE.
  • Copia da tarxeta de afiliación á Seguridade Social.
  • Certificado de conta bancaria.
 
Novena.- Cláusula derradeira.
Contra esta convocatoria, que non pon fin a vía administrativa, pódese interpoñer, recurso de alzada perante a Presidencia da Agadic no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación.

Os actos que deriven desta convocatoria poderán ser impugnados nos casos e forma establecidos pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común.

-Convocatoria en pdf
-Anexo I en word