-Subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais de produción galega: convocatoria

[13/06/2016] A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca as subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais de produción galega e se convocan para o ano 2016, segundo as bases publicadas no Diario Oficial de Galicia núm. 111, do 13 de xuño de 2016.

A finalidade das subvencións é o fomento dos traballos previos á produción audiovisual, nas modalidades que se especifican a continuación, que se atopen en fase inicial de desenvolvemento e que se prevexa que se levará a cabo nos exercicios 2016 e 2017.

Prazo de solicitude
Ata o 13 de xullo de 2016

Beneficiarios
1. Poderán optar a estas subvencións todas as persoas físicas ou xurídicas, constituídas como produtoras audiovisuais independentes cunha antigüidade mínima e sen interrupcións dun ano (epígrafe IAE 9611), e con sucursal ou oficina permanente polo menos un ano, previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea e que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia. Por produtor independente enténdese, para os efectos desta convocatoria, toda persoa física ou xurídica privada que teña a iniciativa e asuma a responsabilidade na produción audiovisual e non sexa obxecto de influencia dominante por parte dun prestador de servizo de comunicación/difusión audiovisual nin dun titular de canal televisivo privado, nin, pola súa parte, exerza unha influencia dominante, tal e como establece a Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema, artigo 4.n).

2. Os beneficiarios deberán ter un contrato cun director e/ou un guionista para desenvolver algún proxecto dos tipos sinalados na base terceira.

3. Non poderán acceder ás subvencións os solicitantes que se encontren afectados por algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Así mesmo, quedan excluídos aqueles solicitantes que fosen beneficiarios de axudas nas convocatorias de subvencións da Agadic nos dous exercicios anteriores aos da presente convocatoria e incumprisen as bases ou as finalidades establecidas nela, sempre e cando fosen sancionados por iso. As condicións exixidas no punto 1 do presente artigo deberanse manter durante todo o período de execución do proxecto subvencionado. A perda dalgunha destas condicións suporá a perda da condición de beneficiario, e, se é o caso, o reintegro das cantidades percibidas.


Modalidades
1. As modalidades de subvención que comprende esta convocatoria son as seguintes:

a) Desenvolvemento de proxectos de longametraxes cinematográficas de ficción, animación e documentais, cunha duración igual ou superior aos 60 minutos.

b) Desenvolvemento de proxectos de longametraxes e miniseries de ficción para televisión. As longametraxes deberán ter unha duración de sesenta minutos ou superior. As miniseries deberán ser de dous capítulos cunha duración mínima de 52 minutos cada un.

c) Desenvolvemento de proxectos de series de animación para televisión cunha duración mínima global de 130 minutos.

d) Desenvolvemento de proxectos de pilotos de programas para televisión que destaquen por ofrecer formatos innovadores e alto potencial de internacionalización.


2. O importe máximo da subvención concedida pola Agadic non poderá superar os seguintes límites:

a) 50 % do investimento subvencionable cando se trate de proxectos previstos para producir en lingua orixinal non galega.

b) 60 % do investimento subvencionable cando se trate de proxectos previstos para producir en lingua orixinal galega.


3. En todo caso, as cantidades máximas que se establecen segundo as modalidades de proxecto son as seguintes:

a) Desenvolvemento de longametraxes cinematográficas de ficción e animación: máximo 20.000 euros.

b) Desenvolvemento de longametraxes cinematográficas de documental: máximo 10.000 euros.

c) Desenvolvemento de longametraxes e miniseries de ficción para televisión: máximo 15.000 euros (longametraxes) ou 20.000 euros (miniseries).

d) Desenvolvemento de series de animación para televisión: máximo 20.000 euros.

e) Desenvolvemento de pilotos de programas para televisión: máximo 10.000 euros.

4. Sen prexuízo da posible presentación de máis dun proxecto distinto por un mesmo solicitante, só poderá ser obxecto de subvención un proxecto por solicitante. A persoa solicitante deberá establecer unha orde de prelación sobre os proxectos presentados que a comisión de valoración terá en conta no caso de que varios proxectos se consideren subvencionables. Non poderán presentar o mesmo proxecto distintas empresas ou entidades. Non poderá presentarse un mesmo proxecto a distintas modalidades.

5. En todos os casos, o importe que se vai xustificar será o correspondente ao total dos custos do proxecto.

6. O importe das subvencións reguladas nesta resolución en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas ou patrocinios concedidos por outras administracións públicas ou entes públicos, autonómicos, nacionais ou internacionais, superen o 100 % do custo da actividade subvencionada que desenvolverá o beneficiario, isto sen prexuízo das particularidades e especificidades previstas para cada tipo ou modalidade de axuda, previstas nas cláusulas que seguen.

Procedemento, orzamento e imputación de créditos e contía
1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

2. Estas subvencións terán carácter bianual e admitiranse aqueles gastos que fosen realizados dentro do período comprendido desde o 1 de xaneiro de 2016 ata a data máxima de xustificación establecida na presente convocatoria.

3. O importe global máximo das subvencións anteriormente detalladas será de 185.000 euros, suma que irá con cargo á aplicación orzamentaria 10.A1.432B.770.0 do orzamento de gastos da Agadic, distribuído entre as anualidades 2016 e 2017: 25.000 euros con cargo ao exercicio 2016, e 160.000 euros con cargo ao exercicio 2017.

4. Os importes previstos poderán ser incrementados ao longo do exercicio, nos supostos establecidos no artigo 31.2 da Lei de subvencións de Galicia, e tras declaración previa de dispoñibilidade de crédito, logo da modificación orzamentaria que proceda. Se é o caso, a ampliación de crédito deberase publicar nos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver. A alteración da distribución establecida nesta convocatoria non precisará de nova convocatoria, pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria.

Solicitudes
1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

-Bases completas publicadas no DOG
-Acceso á tramitacion en liña
-Modelo de solicitude