-Contratación con carácter temporal dun/ha experto/a en audiovisuais: bases da convocatoria

[12/07/2016] Mediante escrito de data 06/06/2016, por parte da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) solicitouse a cobertura temporal para a provisión dun/ha Experto/a en Audiovisuais, grupo III,  categoría 36; código PR.399.40.801.15001.018, consonte ao sistema de listas actualmente vixente para estes efectos.
 
Mediante escrito do 13/06/2016, a Dirección Xeral da Función Pública comunicou que non foi posible a selección de ningún ou ningunha candidato/a polo procedemento establecido no Decreto 37/2006, polo que neste suposto debe procederse de acordo co disposto no artigo 7.5.b) do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.
 
En consecuencia, logo de ser aprobadas polo tribunal nomeado ao efecto de conformidade co establecido no artigo 7.5.b) do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, esta axencia, no exercicio das competencias atribuídas polo Estatuto da Axencia Galega das Industrias Culturais, aprobada polo Decreto 150/2012, do 12 de xullo, acórdase, publicar as seguintes BASES para a selección dun/ha Experto/a en Audiovisuais, mediante relación laboral temporal, en réxime de interinidade:
 
1.      Normas xerais
 
1.1.   Convócase proceso selectivo para a contratación, ao abeiro do artigo 7.5.b) do V Convenio Colectivo Único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, de persoal laboral para a cobertura do posto Experto/a en audiovisuais, grupo III, categoría 36, código PR.399.40.801.15001.018, dependente da Agadic. 
 
As retribucións serán as establecidas nos artigo 25 e 26 do mencionado V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, e de acordo co artigo 23 da Lei 12/2015, do 24 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016.
 
1.2.   O procedemento de selección será o de concurso de méritos, para o que se aplicará, de conformidade co artigo 7.5.b) do V  Convenio Colectivo Único para persoal laboral da Xunta de Galicia, o baremo que nel figura como anexo III, e que, así mesmo, se acompaña como anexo I da presente convocatoria.                                                                                                                                                
 
1.3.   A persoa contratada estará sometida ao réxime xeral de incompatibilidades establecido na Lei 53/1984, do 26 de decembro, e disposicións complementarias.
 
2.     Requisitos dos aspirantes
 
2.1.   Para seren admitidos no proceso de selección os/as aspirantes deberán posuír no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes e manter ata o momento da toma de posesión como persoal laboral temporal os seguintes requisitos:
 
 
2.1.1.Nacionalidade:
a)   Ter a nacionalidade española.
b)   Ser nacional dalgún dos estados membros da Unión Europea.
c)   Ser nacional dalgún Estado no que, en virtude dos tratados internacionais asinados pola pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores.
d) Calquera que sexa a súa nacionalidade, tamén poderán participar os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito. Así mesmo, coas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.
e) Ter residencia legal en España, no caso de tratarse de estranxeiros non incluídos nos puntos anteriores.
 
2.1.2. Idade: ter cumpridos dezaseis anos e non exceder, no seu caso, da idade máxima de xubilación forzosa.
 
2.1.3.Capacidade funcional: non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.
 
2.1.4.Habilitación: non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servizo de calquera das administracións públicas ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse en inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso a corpos ou escalas de funcionarios, ou para exercer funcións similares ás que desempeñaba no caso do persoal laboral, no que fora separado ou inhabilitado, nin pertencer ao mesmo corpo, escala ou especialidade a cuxas probas selectivas se presenten.
 
 No caso de ser nacional doutro Estado, non atoparse inhabilitado ou en situación equivalente nin ter sido sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no seu Estado, nos mesmos termos, o acceso ao emprego público.
 
2.1.5.Posuír o título de Bacharel, FP 2º Grao ou Equivalente. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro deberase estar en posesión da credencial que acredite a súa homologación ou validación, de ser o caso.
 
3.     Presentación de aspirantes
 
3.1.    De conformidade co establecido no artigo 7.5.b) do V Convenio Colectivo Único para persoal laboral da Xunta de Galicia, ademais dos/as posibles candidatos/as seleccionados/as polo Servizo Público de Emprego, ao que se cursará oferta xenérica dos postos obxecto desta convocatoria, todas aqueloutras persoas que desexaren tomar parte no presente proceso selectivo, deberán dirixirse á esta axencia mediante solicitude, acompañando copia do DNI (ou calquera outro documento de identidade válido), xunto coa copia cotexada da documentación acreditativa de cumprir os requisitos esixidos nas bases, así como dos méritos alegados para seren valorados segundo o baremo da base 1.2 que se reflicte no anexo I desta convocatoria.
 
3.2.    A presentación de solicitudes, segundo modelo que se xunta como anexo III, farase nas oficinas de rexistro da Xunta de Galicia, no rexistro da Agadic, oficinas de correos e demais lugares previstos no artigo 38º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dirixíndoas ao Director da Agadic, Cidade da Cultura de Galicia, Monte Gaias s/n; 15707 Santiago de Compostela. Oprazo de presentación de solicitudes iníciase o día seguinte da publicación das presentes bases na páxina web da Axencia e no seu taboleiro de anuncios, e remata o día 26/07/2016.
 
4.     Tribunal cualificador
 
4.1.    O tribunal cualificador deste proceso foi nomeado (conforme o previsto no artigo 11 do vixente Convenio Colectivo Único) pola Dirección da Agadic, en virtude da Resolución do oito de xullo de 2016, que se acompaña como anexo II da presente convocatoria.
 
4.2.     O tribunal, de consideralo oportuno, se é o caso, poderá requirir o asesoramento de profesionais ou persoas que considere adecuadas. Das designacións de asesores/as que, de ser o caso, se efectúen deberáselle dar coñecemento ao órgano convocante.
 
4.3.    De acordo co apartado 4 do artigo 11 do citado V Convenio Colectivo Único, “os membros do tribunal deberanse abster de formar parte del cando concorran as circunstancias previstas no artigo 28 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e poderán ser recusados de acordo co artigo 29 da mencionada lei”.
 
4.4.    O tribunal non poderá constituírse nin actuar sen a asistencia de, polo menos, a metade máis un dos membros. As decisións adoptaranse por maioría dos presentes.
 
5.     Cualificación dos aspirantes
 
5.1.    Valorados os/as candidatos/as presentados/as, en base aos méritos por eles alegados, conforme ao baremo establecido, o tribunal fará pública, na páxina web da Axencia Galega das Industrias Culturais e no taboleiro de anuncios do centro de traballo, a lista provisional de aspirantes seleccionados, con expresión da puntuación obtida coa correspondente orde de prelación.
 
5.2.    Poderase formular alegacións contra a dita lista, nun prazo que se establece de tres días, por razón da urxencia na cobertura do posto, a partir do seguinte ao da súa publicación.
 
5.3.   Transcorrido o dito prazo o tribunal publicará, polos mesmos medios, a lista definitiva de aspirantes ao posto de traballo, entendéndose desestimadas o resto das alegacións formuladas.
 
5.4.    O/a aspirante seleccionado/a deberá presentar no prazo detres días, desde que se faga pública a dita lista, a documentación requirida para a formalización do correspondente contrato de traballo así como das altas tanto en nómina como na seguridade social.
 
5.5.    Se o/a candidato/a seleccionado/a non presentase toda a documentación requirida no prazo establecido, ou presentase a súa renuncia á contratación resultará automaticamente seleccionado/a o/a seguinte aspirante segundo a orde de prelación da lista, que deberá presentar, no prazo requirido a documentación oportuna para formalizar esta contratación.
 
Procederase desta forma, en caso de falta de documentación en prazo ou renuncia, ata que un/ha candidato/a a presente validamente.
 
6.     Derradeira
 
6.1.   As bases desta convocatoria e cantos actos se deriven dela e da actuación do tribunal, co carácter de definitivos ou que sendo de trámite decidan sobre o fondo do asunto, poderán ser impugnados no prazo e na forma establecidos pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
 
Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2016.
 
O presidente do órgano de selección,  Jaime Pena Pérez


DESCARGA DE ANEXOS:

-Anexo I: Baremo de méritos (pdf)

-Anexo II: Composisición do tribunal (pdf)

-Anexo III: Modelo de solicitude (pdf)

-Anexo III: Modelo de solicitude (doc)



DESCARGA DAS BASES:

-Bases da convocatoria (pdf)