-Cursos de verán 2017: danza clásica con Ricardo Franco, Marisa Mateo Esclapes e Tino Morán

O Centro Coreográfico Galego (CCG) organiza una nova edición dos seus cursos de verán, que terán lugar na súa sede da Coruña (Complexo Deportivo de Elviña. Praza Agustín Díaz Sánchez, 1) en diferentes datas do mes de xullo.

1. Danza clásica, puntas e ‘pas de deux’, con RICARDO FRANCO
Datas e horario
Do 10 ao 14 de xullo
Horario: de 10.00 a 13.00 h

Inscricións
Ata o 30 de xuño, enviando o documento de solicitude de matrícula anexo a formacion.ccg@xunta.gal. As prazas adxudicaranse por rigorosa orde de recepción das solicitudes.

Matrícula
50 euros (1 curso)
80 euros (2 cursos)
120 euros (3 cursos)

Ricardo Franco
Madrileño de nacemento, iniciouse na danza ao través do folclore aragonés e da danza española. Tras formarse con figuras como Luis Fuente, Carmina Ocaña, Carmen Roche, Héctor Zaraspe, Robert Denvers e Azari Plisetski, foi durante 17 anos primeiro bailarín da Compañía Nacional de Danza, onde traballou baixo a dirección de Víctor Ullate, María de Ávila, Ray Barra, Maya Plisetskaya e Nacho Duato. Ademais, Maya Plisetskaya elixiuno para ser o seu partenaire durante os tres anos en que dirixiu o Ballet do Teatro Lírico Nacional.

Unha vez retirado da escena, centra a súa traxectoria profesional na formación de bailaríns como profesor titular do Real Conservatorio de Danza de Madrid, así como na realización de montaxes coreográficas e na dirección de escena. Ademais, ten impartido numerosos cursos de técnica clásica, de homes, puntas, paso a dous, repertorio, montaxe coreográfico e metodoloxía da danza clásica. Na actualidade, é xefe do Departamento de Danza Clásica e responsable do Taller Coreográfico Clásico (Larreal) do Real Conservatorio de Danza Mariemma.

Como coreógrafo, asinou tanto montaxes de danza clásica, como de neoclásica, española e flamenco, polas que obtivo premios como o da Asociación de Directores de Escena de España, o V Certamen de Coreografía de Danza Española y Flamenco e o premio especial do xurado do Maratón de Danza de Madrid. Encargouse, ademais, da coreografía para o anuncio de Freixenet do ano 2000 con Tamara Rojo e Joaquín de Luz.

2. Danza clásica (nivel medio e avanzado), con MARISA MATEO ESCLAPES E TINO MORÁN ALBA
Datas e horario
24, 26, 27, 28 e 29 de xullo
Horario:
De 10.00 a 11.30 h (nivel avanzado)
De 11.30 a 13.00 h (nivel medio)

Inscricións
Ata o 14 de xullo, enviando o documento de solicitude de matrícula anexo a formacion.ccg@xunta.gal. As prazas adxudicaranse por rigorosa orde de recepción das solicitudes.

Matrícula
50 euros (1 curso)
80 euros (2 cursos)
120 euros (3 cursos)

Marisa Mateo Esclapes
Tras recibir as súas primeiras clases de danza en Palma de Mallorca, a súa cidade natal, trasládese a Madrid para seguir os seus estudos con prestixiosos mestres como Carmen Roche, Lola de Ávila, Azari Plisetski e Luis Fuente, quen a incluirá como no seu Ballet Clásico, con roles de primeira bailarina e solista.

Titulada polo Real Conservatorio Profesional de Danza Mariemma en 2001, en 2008 obtén a titulación en Coreografía e Técnicas de Interpretación da Danza. A partir de 1989 centra a súa traxectoria no ensino como profesora en diferentes academias e escolas de danza de Madrid.

Entre 1994 a 1999 é a coreógrafa do Equipo Nacional de Ximnasia Rítmica, etapa durante a que a selección acada moitos éxitos deportivos nos campionatos de Europa e do Mundo, ademais da medalla de ouro nos Xogos Olímpicos de Atlanta 96.

En 2003 pasa a formar parte do profesorado de música e artes escénicas da Comunidade de Madrid, primeiro no Conservatorio Profesional de Danza Comandante Fortea (2003- 2008), máis tarde no Real Conservatorio Profesional Mariemma (2008 - 2009) e, ata a actualidade, no Conservatorio Profesional de Danza Carmen Amaya, do que é xefa de estudos. Ao tempo, imparte numerosas conferencias, cursos e clases maxistrais por toda a xeografía española.

Tino Morán Alba
A súa vocación pola danza lévao a Madrid, onde entra na Escola de Luis Fuente e, posteriormente, na compañía clásica que dirixe este mestre e coreógrafo. Nesta mesma etapa, completa os seus estudos con Carmen Roche e Lola de Ávila. Titulado en Danza Clásica polo Real Conservatorio de Danza de Madrid, realiza os dous primeiros cursos da Cátedra de Alicia Alonso para mestres de danza, ademais de cursos de anatomía, psicoloxía e pedagoxía aplicadas á danza.

En 1987 incorpórase á Compañía Nacional de Danza, dirixida naquel intre por Maya Plisetskaya, e continúa formándose como bailarín e mestre xunto a Azari Plisetski, Jorge Esquivel, Egon Madsen, Peter Stam, Lázaro Carreño, Aurora Bosch, Constantin Damianoff, entre outros.

Sen deixar de pertencer á Compañía Nacional de Danza, en 1994 colabora como primeiro bailarín na Compañía de Danza de Víctor Ullate e en 1997, na compañía de flamenco dirixida por Ricardo Franco.

No ano 2001 coordina o taller coreográfico do Conservatorio Profesional de Danza de Madrid, función que desempeña ata 2003, ano no que se incorpora ao Ballet Nacional de España como mestre de baile.