-Galicia Escena PRO 2017: aberta a inscrición de profesionais ata o 16 de maio

[02/05/2017] A Axencia das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria abre desde hoxe e ata as 15.00 h do 16 de maio o prazo de incrición de profesionais en Galicia Escena PRO a través do web www.galiciaescenapro.gal.

Esta nova edición do mercado galego das artes escénicas, que se desenvolverá do 12 ao 15 de xuño en Santiago de Compostela, mantén como obxectivo a promoción e exhibición de producións de teatro, danza, novo circo e maxia, ao tempo que persegue ser un lugar de encontro de todos os axentes culturais para estimular a dinámica comercial do sector e a posta en valor da creación escénica.

O programa inclúe a exhibición de 17 producións galegas, ademais de 10 títulos na sesión de presentación de proxectos (pitching) e unha serie de actividades complementarias. Este ano, Castela e León, a través da Feira de Ciudad Rodrigo, tomará o testemuño doutras comunidades convidadas en anteriores edicións, polo que se contará coa presenza de dúas compañías e de programadores desa Comunidade.