-Programa Residencias Paraíso de investigación e creación arredor da danza e das artes do movemento: convocatoria aberta ata o 13 de agosto

[20/07/2017] O Colectivo RPM e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) colaboran na posta en marcha de Residencias Paraíso, programa de residencias artísticas de investigación e creación contemporánea arredor da danza e das artes do movemento. Esta primeira edición, que se desenvolverá de setembro a decembro de 2017, conta con seis espazos colaboradores: o Teatro Rosalía Castro e a Fundación Luis Seoane da Coruña, o Pazo da Cultura de Carballo, o Vello Cárcere de Lugo, o Pazo da Cultura de Narón e o Auditorio Municipal de Ourense.
 
O obxectivo é impulsar a aparición de novos proxectos de creación e compañías neste ámbito escénico en Galicia, así como apoiar as formacións xa consolidadas durante os seus procesos creativos.
 
Como primeiro paso, Residencias Paraíso abre ata o 13 de agosto o período de inscrición de propostas a través do web www.colectivorpm.gal/residencias-paraiso. Os destinatarios do programa son artistas de creación contemporánea, tanto consolidados como emerxentes e con sede en Galicia ou no resto de España, aínda que terán preferencia os residentes no territorio galego.
 
Entre todos os proxectos recibidos, seleccionaranse un máximo de seis residencias cun importe de entre 2.500 e 3.000 euros cada unha.