-Foro "A nova narrativa das series transmedia" organizado polo Clúster Audiovisual Galego: inscrición

A narrativa transmedia está en auxe e as historias expándense en todo tipo de medios e formatos. Un foro do Cluster Audiovisual Galego analizará, o día 22 de novembro en Santiago de Compostela, a importancia do guión nas series transmedia e abordará as claves do éxito das ficcións que se apoian neste novo universo, que está cada vez máis de moda dentro do panorama audiovisual actual.
 
Baixo o título “A nova narrativa das series transmedia”, o Clúster Audiovisual celebrará na sala de conferencias do Centro Abanca Obra Social de Cervantes unha nova edición dos seus foros estratéxicos dirixida aos profesionais do sector galego, que contará co director do festival Mundos Digitales, Manuel Meijide, como moderador. Ademais, esta sesión abrirá o programa da 11ª edición do pitching “I+P Ideas para producir” que se celebrará o 22 e 23 de novembro en Compostela.
 
Durante o foro analizarase a evolución do transmedia como estratexia ata a creación dun universo propio da man do guionista e produtor Javier Olivares, creador, entre outras, das series de éxito “El Ministerio del Tiempo” (TVE 1) e  “Si fueras tú” (RTVE), a primeira ficción transmedia interactiva producida en España.
 
Para ofrecer o enfoque tecnolóxico deste novo modelo narrativo participará no foro Roberto Pérez, CTO e fundador de Future Lighthouse, estudio madrileño encargado de desenvolver o proxectos de realidade virtual de “El Ministerio del Tiempo”. Ministerio VR é unha experiencia única de realidade virtual na que se pode recorrer con algúns personaxes da serie varios dos lugares máis recoñecibles do Ministerio, e vai un paso máis alá da primeira experiencia, xa que o usuario ten a posibilidade de camiñar e interactuar con obxectos e personaxes da serie.
 
Tamén se abordará nesta sesión o estado da produción de animación en 3D en Galicia da man de Julio Casal, CEO da compañía galega Ficción Producciones (“Hospital Real”, “O Códice”, “Augasquentes”, “Meñique”), quen explicará os antecedentes e a posta en marcha da serie de animación infantil “Tutú”, que se emite na canle Clan de TVE, e as súas diferentes ventás de explotación.
 
A asistencia ao foro é libre e gratuíta ata completar o aforo. Para asistir é necesario enviar cuberto o formulario que está dispoñible no sitio web do Clúster audio . O prazo de inscrición está aberto ata as 13.00 horas do día 20 de novembro.
 
Nesta edición o “I+P, Ideas para Producir” conta co apoio do Ministerio de Educación, Cultura y Deporte; da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), e do Concello de Santiago de Compostela. E coa colaboración da Santiago de Compostela Film Commission, a plataforma Filmarket Hub, a compañía Music Library & SFX, o festival Mundos Digitales, o Máster en Produción Xornalística e Audiovisual, as asociacións CREA e AGAG, Abanca Obra Social, e Galicia Calidade.

-Programa do foro
-Formulario de inscrición