-Conecta FICTION 2018: apertura dos prazos de acreditación e de presentación de proxectos para o pitching internacional

[15/02/2018] Conecta FICTION 2018, o encontro internacional dedicado á coprodución de ficción para televisión entre América Latina, Estados Unidos de fala hispana e Europa, abre hoxe os prazos de acreditación e de presentación de proxectos para o pitching internacional.

Todos os trámites débense realizar a través da páxina web oficial do evento: www.conectafiction.com

Promovido pola Xunta de Galicia (a través da Agadic) xunto con ICEX España Exportación e Inversiones e Fundación SGAE, Conecta FICTION celebrará a súa segunda edición do 18 ao 21 de xuño en Santiago de Compostela, con actividades profesionais na Cidade da Cultura de Galicia e distintas citas abertas ao público noutros espazos da cidade. Unha destas propostas será o Conecta FICTION FEST, o festival de series que se incorpora este ano ao programa como principal novidade.