-Galicia no Atlantic Connections de Womex 18 Las Palmas de Gran Canaria


A Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) chegou a un acordo coa organización de WOMEX 18 Las Palmas de Gran Canaria para participar no escenario Atlantic Connections, no que haberá cabida para proxectos musicais tanto europeos, como africanos e latinoamericanos.

En virtude deste acordo, as propostas artísticas galegas que se presenten á convocatoria de WOMEX 18 terán unha dobre posibilidade de seren elixidos: na Sección Oficial da feira e no devandito escenario, unha iniciativa que xurdiu en Womex 14, proseguiu en Womex 16, e que agora atopa continuidade na edición que terá lugar este ano en Las Palmas.

Un xurado internacional especializado escollerá as mellores candidaturas dos países participantes neste escenario local. Os artistas interesados en concorrer a esta convocatoria deben saber que só han de presentarse ao chamamento xeral de Womex, cuxo prazo remata o 16 de marzo de 2018.

-Toda a información en http://womex-apply.com
-Presentación de propostas en http://www.womex.com/take_part/proposals

Ademais, o artista que for seleccionado terá dereito a dúas acreditacións para participar en todas as actividades de WOMEX 18 e a utilizar o espazo que a Agadic porá a disposición dos profesionais no recinto feiral Womex Tradefair baixo a marca GalicianTunes, que ocupará un espazo específico dentro do pavillón conxunto Sounds from Spain instalado por ICEX España Exportación e Inversiones.

Nesta ocasion, Atlantic Connections quere reflectir os vínculos culturais das Canarias, arquipélago que tivo e ten aínda un papel relevante na unión das dúas costas do Atlántico e que foi nexo de unión entre América, África e Europa ao ser parada estratéxica nas viaxes desde a Península Ibérica cara a América. Galicia fixo e fai parte desa conexión e por iso a Agadic acadou este acordo, polo cal os artistas galegos terán máis posibilidades de participación en WOMEX 18.

No caso de resultar seleccionada algunha proposta galega, os gastos de viaxe e mantenza ocasionados poderán financiarse a través da vindeira convocatoria de subvencións ás actividades de distribución para industrias culturais da Agadic.

Para a participación de empresas unicamente no apartado Tradefair, Womex abrirá nas vindeiras semanas o prazo de inscrición (previsiblemente no mes de abril).