-Nova marca FEST Galicia: recepciˇn de solicitudes de adhesiˇn de festivais ata o 8 de xu˝o de 2018



A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), en cumprimento do seu decreto de creación, dentro do obxectivo xenérico de promoción e fomento da cultura galega impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e coa participación necesaria dos sectores culturais implicados, asume os programas de apoio destinados a reforzar o papel dos creadores individuais, empresas e industrias culturais privadas, acrecentando os esforzos e recursos destinados a mellorar e afondar nestas medidas.

Neste marco, iníciase un programa de apoio aos festivais de música que se celebran en Galicia, desde e a convicción de que:

  • Os festivais profesionais privados xeran emprego e invisten no territorio: son factor de riqueza.
  • Crean valores positivos: convértense en elemento de posicionamento do territorio, achegándolle visibilidade e atraendo visitantes, co conseguinte gasto asociado e cun impacto directo favorable na economía local.
  • Producen efectos multiplicadores do investimento e achegan recadación fiscal neta: xeran valor engadido.
  • Orixinan beneficios sociais que están relacionados, en termos xerais, coa mellora do benestar da cidadanía, a cohesión social e o desenvolvemento de valores cívicos. Como potentes instrumentos de comunicación que son, posúen a capacidade de introducir mensaxes con valores cívicos na sociedade.
O programa estará baixo o paraugas da marca FEST GALICIA e terá os seguintes obxectivos:
  • Crear valor engadido nos festivais galegos a través da adopción das medidas necesarias para situalos como un produto cultural e turístico capaz de atraer visitantes.
  • Proxectar Galicia como destino musical.
  • Promover os festivais galegos dentro e fóra da Comunidade.
  • Poñer en valor as industrias culturais e creativas.
  • Vertebrar o territorio desde a sustentabilidade social e medioambiental.
  • Darlle visibilidade ás boas prácticas que sirvan como referencia para o sector.
  • Confluír coas políticas e estratexias estatais no ámbito do turismo de festivais.
  • Conectar todos os departamentos da Administración galega relacionados con calquera dos ámbitos que abarca cada festival: turismo, xuventude, igualdade, medio ambiente, calidade...
  • Construír a marca en diálogo permanente co sector.
Os requisitos de participación son:
  • Que se trate de festivais de titularidade privada e producidos por unha empresa, entendida no sentido establecido polo art. 3.2. da Lei 4/2008 do 23 de maio de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais; así como por entes privados sen ánimo de lucro, sempre que a produción executiva corra a cargo dunha empresa produtora de festivais e que non supoñan un factor de competencia desleal no sector.
  • Que a totalidade da súa capacidade (agás unha mínima parte que non excederá o 5%) sexa cuberta por medio de entradas postas á venda ao público xeral, conforme a prezos medios de mercado.
  • Que se trate de festivais que programen un mínimo de tres artistas por día durante, cando menos, dous días consecutivos.
  • Que se trate de festivais que cumpran a normativa básica en materia de espectáculos e demais lexislación aplicable.
  • Que teñan un orzamento superior aos 100.000 euros (sen ive)*.
  • Que teñan realizado con anterioridade unha primeira edición.
  • Que a súa edición para o presente ano 2018 comece entre o 1 de xuño e o 30 de setembro.
*A efectos de homoxeneizar, enténdese por orzamento do festival o orzamento subvencionable admitido nas axudas a festivais de Agadic.
 
Todos os festivais interesados en formar parte deste proxecto poden inscribirse ATA O VENRES 8 DE XUÑO mediante a presentación no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia do modelo normalizado de solicitude que se achega como anexo.

-ANEXO
-ACCESO Á TRAMITACIÓN EN LIÑA