-Pitching do Clúster Audiovisual Galego I+P Ideas para producir: inscrición

O Clúster Audiovisual Galego abre ata o próximo 8 de outubro o prazo para inscribir proxectos audiovisuais na 12ª edición do pitching 'I+P Ideas para producir', que se celebrará os días 20 e 21 de novembro en Pontevedra co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

O 'I+P Ideas para Producir' ten como obxectivo reunir a produtores, guionistas e directores que teñan un proxecto de cine ou televisión, e que busquen alianzas empresariais de cara á súa coprodución, venda ou distribución, con directivos de canles de televisión, produtores executivos, distribuidores e responsables de vendas internacionais. 

Un Comité de Expertos seleccionará de entre todos os traballos recibidos quince para realizar un pitch diante de destacados axentes do sector audiovisual do noso país. Posteriormente celebraranse os encontros one to one entre os responsables dos proxectos e produtores, responsables de antena, distribuidores e axentes de vendas. A xornada de pitching terá lugar o día 21 de novembro.

As empresas e os profesionais do sector audiovisual que desexen participar na duodécima edición do 'I+P Ideas para producir' poden inscribir os seus traballos enviando por mail o formulario que está dispoñible na páxina web do Clúster (www.clusteraudiovisualgalego.com) a comunicacion@clag.es ata o día 8 de outubro. O Clúster Audiovisual Galego comunicará a partir do día 30 de outubro os proxectos seleccionados que se presentarán no pitching. 

Nesta edición o “I+P Ideas para Producir” conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), e do Concello de Pontevedra. E coa colaboración da asociación CREA, a plataforma Filmarket Hub e a compañía Music Library & SFX.

A Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización (CREA) e o 'I+P Ideas para producir' renovan a súa colaboración nesta nova edición do foro audiovisual co obxectivo de favorecer a participación dos membros de CREA no pitching cunhas condicións preferentes. 

Grazas a esta colaboración o proxecto dos socios de CREA que obteña unha mellor valoración por parte do Comité de Selección entre todos os inscritos no “I+P Ideas para producir” terá acceso directo á xornada, gozando do mesmo desconto que os socios do Clúster Audiovisual Galego. No caso de haber máis proxectos de membros de CREA seleccionados para participar na xornada, a estes aplicaránselles as condicións xerais.

Por outra banda, a plataforma online de proxectos cinematográficos Filmarket Hub tamén colabora por segundo ano consecutivo co “I+P Ideas para producir” apoiando os traballos que se presenten no foro. Como consecuencia desta colaboración os proxectos de cine e de ficción para televisión participantes na 12ª edición do pitching gozarán dun ano de inscrición gratuíta no mercado online da plataforma Filmarket Hub, onde poderán potenciar a súa visibilidade e conectar con toda unha rede de produtores e empresas de Europa e Latinoamérica. Obtendo unha maior visibilidade e novas oportunidades de encontrar socios interesados nos seus proxectos e podendo acceder a outras empresas ademais das que participen no pitching.

-Formulario de inscrición I+P 2018
-Convocatoria I+P 2018