-Taller especial do EAVE Producer Workshop para profesionais do audiovisual galego: inscrición ata o 4 de setembro

[10/08/2018] A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, colabora co programa internacional de formación en produción audiovisual EAVE para desenvolver en Galicia unha das residencias (a terceira e última) da actual edición do seu emblemático Eave Producers Workshop, que terá lugar en Santiago de Compostela do 22 ao 29 de outubro.
 
Grazas a esta colaboración, ademais da participación do alumnado que asiste ao curso durante todo o ano, o EAVE@Santiago de Compostela abrirá as súas portas a estudantes e profesionais do audiovisual galego a través destas vías:
 
-Apertura das sesións plenarias, incluídas as áreas específicas de produción e novas formas de desenvolvemento, previo rexistro. A organización anunciará as datas e o procedemento de inscrición (gratuíta) no mes de setembro, unha vez teña pechado o calendario do taller.
 
Na residencia de Santiago, ao equipo pedagóxico do EAVE sumaranse 50 decision makers (produtores, responsables da busca de proxectos ou commissioning editors, de fondos nacionais e rexionais, axentes de vendas...) para traballar co alumnado, ademais de coñecer de primeira man a industria audiovisual galega e entrar en contacto cos seus profesionais.
 
-Selección de oito participantes galegos, con ou sen proxecto (ficción ou documental) para un taller feito a medida, en paralelo ao EAVE@Santiago de Compostela. Para este encontro específico, a organización abre ata o 4 de setembro o prazo para enviar o formulario de solicitude e os documentos que nel se especifican ao correo electrónico satu@eave.org. A inscrición é gratuíta.

Este programa específico dependerá dos participantes seleccionados e dos seus intereses en temas como o desenvolvemento da súa carreira, planificación empresarial, financiamento e cuestións xurídicas en materia de coprodución, vendas e distribución, o mercado internacional, estratexia da participación en festivais ou márketing. Ao tempo, os profesionais seleccionados terán tamén a oportunidade de asistir ás sesións do taller EAVE en Santiago.

-Máis información