-Convocatoria de artistas galegos para o Showcase Scotland do festival Celtic Connections 2019 de Glasgow

Galicia será o territorio convidado do programa Showcase Scotland 2019, que se desenvolverá ao abeiro da 26ª edición do Celtic Connections de Glasgow (Escocia), un dos festivais musicais de inverno máis relevantes do panorama internacional e o máis destacado no ámbito dos sons celtas. A Xunta, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), impulsa esta iniciativa para garantir a actuación de seis grupos ou solistas galegos como parte desta programación, que terá lugar do 30 de xaneiro ao 3 de febreiro e estará aberta tanto ao público xeral como aos delegados internacionais acreditados.
 
A organización abre ata as 17,00 h. (hora local escocesa) do 21 de setembro o prazo de inscrición de propostas musicais galegas para levar a cabo a selección artística. Tal como se especifica no documento ao que se accede no sitio web oficial do encontro, cada unha das seis bandas ou intérpretes desenvolverá un concerto cunha duración mínima de 40 minutos, ademais de ter a oportunidade de ser elixida para actuar no Festival Club, nas sesións BBC ou na gala inaugural do festival.

Este é o enlace á información oficial, onde se relacionan as condicións e carácterísticas do programa, e se accede tamén ao formulario necesario para a inscrición.