-IV Encontro Profesional de Coprodución Portugal-Galicia o 29 de novembro no Porto: convocatoria

O Instituto do Cinema e do Audiovisual (ICA) de Portugal e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) promoven o IV Encontro Profesional de Coprodución Portugal-Galicia, que se celebrará en colaboración co Festival Porto/Post/Doc o xoves 29 de novembro na cidade do Porto.

Esta iniciativa vai dirixida a aquelas empresas produtoras con interese en establecer contacto directo con posibles socios estratéxicos na coprodución de proxectos audiovisuais para cine e televisión (ficción, animación, documental, programas...), co obxectivo de aumentar as oportunidades de financiamento, favorecer o intercambio de profesionais técnicos e artísticos e abrir novas canles de distribución e difusión.

As produtoras que acudan con proxectos en desenvolvemento terán a oportunidade de  participar en reunións bilaterais previamente concertadas. Precísase, polo tanto, cumprimentar o formulario que se xunta con esta convocatoria de cara a intercambiar a información con anterioridade.

A xornada transcorrerá segundo a seguinte axenda:

10.30 h                Chegada e presentación
                              Lugar: Hotel Selina Porto (Rúa das Oliveiras nº 61)

11.00 h                Comezo das reunións de traballo
                              Almorzo por cortesía do Subprograma MEDIA Portugal-Europa Criativa

17.30 h                Fin das reunións de traballo e traslado ao Teatro Municipal do Porto - Rivoli

18.30 h                Mesa redonda: oportunidades do Fondo EURIMAGE e as axudas MEDIA

20.00 h                Fin da xornada e cea posterior por invitación do Porto/Post/Doc
 
A organización financiará unha noite de hotel no Porto a cada empresa produtora galega participante (unha persoa por empresa).

Todos os asistentes recibirán unha acreditación do Porto/Post/Doc con acceso ás proxeccións e outras actividades do festival.

Cómpre enviar confirmación á conta de correo audiovisual.agadic@xunta.gal dentro dos seguintes prazos:

- Para reserva de aloxamento: ata as 15.00 horas do luns 12 de novembro
- Para envío do formulario cuberto: ata as 15.00 horas do xoves 15 de novembro

- FORMULARIO DE INSCRICIÓN


- CONVOCATORIA (PDF)