-Encontro informativo sobre a orde de axudas O Teu Xacobeo: Cidade da Cultura de Galicia, 12 de xaneiro

[07/01/2019] A Xunta de Galicia quere implicar a toda a sociedade galega e as súas institucións na organización do próximo Xacobeo 2021, dándolle forma a un gran proxecto transversal e de país. Con este obxectivo, deseñouse un programa pioneiro, que busca propiciar a participación pública, a transparencia e a igualdade de oportunidades, para que todas as galegas e galegos poidan facer as súas achegas.

Por esta razón, o vindeiro 10 de xaneiro o Consello da Xunta informará O Teu Xacobeo, unha convocatoria de axudas en réxime de concorrencia competitiva cunha dotación de 2 millóns de euros.

Este programa permitiralle a calquera persoa física ou xurídica, entidade local ou organización sen ánimo de lucro desenvolver novas iniciativas no marco do Xacobeo 2021, desde unha perspectiva multidisciplinar, plural, diversa e promovendo o desenvolvemento sostible do territorio. Así, O Teu Xacobeo busca fomentar a participación de toda a sociedade, deseñenado conxuntamente unha programación sociocultural durante o ano 2019 e os primeiros meses de 2020, que anticipe a celebración do Xacobeo 2021.

Para afondar neste programa, a Consellería de Cultura e Turismo organiza un encontro informativo sobre a orde de axudas O Teu Xacobeo, que terá lugar o sábado 12 de xaneiro de 2019, ás 12h, no Auditorio 2 do Edificio CINC da Cidade da Cultura de Galicia (Santiago de Compostela). Para asistir, cómpre confirmación antes dese día no teléfono 981 544 801 ou no correo electrónico secretaria.conselleiro@xunta.gal.