-Galicia Escena PRO: inscrición de espectáculos e proxectos ata 27 de marzo



[11/02/2019] A sétima edición de Galicia Escena PRO, o mercado galego de artes escénicas promovido cada ano pola Xunta, desenvolverase do 10 ao 13 de xuño baixo a organización compartida entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a asociación Escena Galega.

Desde hoxe e ata o vindeiro 27 de marzo, ás 15.00 h, manterase aberto o prazo para que as compañías galegas inscriban en www.galiciaescenapro.gal as súas propostas de teatro, danza, novo circo e maxia, tanto xa estreadas –non antes do 1 de xuño de 2018– ou preparadas para seren estreadas neste encontro, como en fase de proxecto.
 
Tras a finalización do devandito prazo, unha dirección artística nomeada por Escena Galega e integrada por profesionais do sector será a encargada de seleccionar as producións galegas que se exhibirán no programa de espectáculos, así como os proxectos que se presentarán en formato pitching diante dos profesionais acreditados. 
 
Como en anos anteriores, o mercado abriralle a súa carteleira de espectáculos tanto aos axentes culturais acreditados como ao público non profesional. Así mesmo, os profesionais asistentes –para os que a inscrición se activará proximamente a través do mesmo web– terán a oportunidade de coñecer de primeira man diferentes proxectos nos que están a traballar compañías galegas, que lles serán presentados na xa habitual sesión de pitching.
 
-Galicia Escena PRO