-Pitching do Clúster Audiovisual Galego I+P Ideas para producir: inscrición ata o 4 de outubro

[29/07/2019] O Clúster Audiovisual Galego abre ata o próximo 4 de outubro o prazo para inscribir proxectos audiovisuais na 13ª edición do pitching 'I+P Ideas para producir', que se celebrará os días 19 e 20 de novembro en Pontevedra co apoio da Xunta, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), entre outras entidades, 

O 'I+P Ideas para Producir' ten como obxectivo reunir produtores, guionistas e directores que presenten un proxecto de cine ou televisión, e que busquen alianzas empresariais de cara á súa coprodución, venda ou distribución, con directivos de canles de televisión, produtores executivos, distribuidores e responsables de vendas internacionais. 

Un comité de expertos seleccionará de entre todos os traballos recibidos 15 para realizar un pitch diante de destacados axentes do sector audiovisual do noso país. Posteriormente celebraranse os encontros one to one entre os responsables dos proxectos e produtores, responsables de antena, distribuidores e axentes de vendas. A xornada de pitching terá lugar o día 20 de novembro.

As empresas e os profesionais do sector audiovisual que desexen participar na décimo terceira edición do 'I+P Ideas para producir' poden inscribir os seus traballos enviando por mail o formulario que está dispoñible na web do Clag a comunicacion@clag.es ata o día 4 de outubro. O Clúster Audiovisual Galego comunicará a partir do día 30 de outubro os proxectos seleccionados que se presentarán no pitching. 

Nesta edición, o “I+P Ideas para Producir” conta tamén co apoio do Ministerio de Cultura e Deporte e do Concello de Pontevedra, ademais de co patrocinio de Gadisa e Music Library &SFX e da colaboración da asociación CREA, a plataforma Filmarket Hub, Galicia Calidade e a Pontevedra Film Commission.

-Formulario de inscrición I+P 2019
-Convocatoria I+P 2019