-Procedemento de selección para contratar a creación dunha dramaturxia que será empregada nunha coprodución do Centro Dramático Galego: ditame da comisión

[30/03/2021] Seguindo as bases da convocatoria para selección de proxectos para a contratación da creación dunha dramaturxia que será empregada nunha coprodución de Centro Dramático Galego (CDG), conforme á Resolución do 26 de marzo da Axencia Galega das Industrias Culturais), a comisión de valoración emitiu o seu ditame, no que decidiu seleccionar, por maioría, a contratación da dramaturxia a:

ERNESTO SUÁREZ IS, co proxecto RELATO PARA UN INCENDIO.


-EXTRACTO DA ACTA CO DITAME DA COMISIÓN DE VALORACIÓN

___________________________________________________________

[27/03/2021, Día Mundial do Teatro] A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura. Educación e Universidade, en cumprimento da súa lei de creación, ten como obxectivo xenérico o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego, para o que coopera na achega de factores produtivos, no fomento da oferta de bens e servizos e na asignación de ingresos eficientes e estables. Pola súa banda, o Centro Dramático Galego (CDG) adscrito á Agadic, ten como obxectivo o apoio á creación artística, á investigación e á formación dos profesionais do teatro; a descentralización de accións e tender pontes entre proxectos e institucións, así como a achega ao encontro do teatro con outras disciplinas artísticas.

Así, con este procedemento preténdese darlle impulso a un destes fins de promoción da dramaturxia galega contemporánea, mediante a convocatoria a todo o sector para que presente proxectos de escrita dramática, co compromiso de formalizar, coa entidade/profesional seleccionada pola comisión técnica profesional que se constituirá para este efecto, os correspondentes contratos de creación dramatúrxica do proxecto seleccionado.

A esta primeira convocatoria, dotada con 4.000 euros, seguiralle unha segunda, dotada con 12.000 euros, para levar a cabo este ano, en réxime de coprodución, un espectáculo teatral a partir da dramaturxia elaborada polo presente procedemento.

-RESOLUCIÓN DO 26 DE MARO DO 2021, DA AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS, POLA QUE SE APROBAN AS BASES REGULADORAS  DO PROCEDEMENTO DE SELECCIÓN DE PROXECTOS PARA A CONTRATACIÓN DA CREACIÓN DUNHA DRAMATURXIA QUE SERÁ EMPREGADA NUNHA COPRODUCIÓN DO CENTRO DRAMÁTICO GALEGO (Pdf, 329 Kb)


BASES REGULADORAS:

1. Necesidade de contratación e obxecto
A Agadic, a través do Centro Dramático Galego (CDG), vai poñer en marcha un programa de apoio á dramaturxia e á creación co que se pretende favorecer a produción de dramaturxia galega contemporánea, impulsar a creación de espectadores para a dramaturxia galega, consolidar produtos culturais competitivos que xeren retorno e, en definitiva, a busca da excelencia nos produtos culturais galegos.
Para a consecución deste obxectivo seleccionará un proxecto de escrita dramática para o seu desenvolvemento nunha dramaturxia que será empregada nunha coprodución do Centro Dramático Galego (CDG).

2. Condicións para participar no proceso de selección
Poderán presentar os seus proxectos as persoas, físicas ou xurídicas, así como as sociedades civís e comunidades de bens ou calquera outra agrupación de persoas sen personalidade xurídica propia, así como as unións temporais de empresas, dedicadas profesionalmente á produción escénica, que desenvolvan maioritariamente a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia. Quedan excluídas as asociacións e as restantes entidades sen fins de lucro.
A participación neste proceso é compatible coa percepción doutras axudas polo mesmo proxecto por parte da Administración da Xunta de Galicia ou das entidades do sector público autonómico, así como doutras administracións públicas e das súa entidades vinculadas ou dependentes ou entidades privadas, pero será incompatible coa percepción doutras axudas convocadas pola Agadic ou pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade para o mesmo proxecto e coa mesma finalidade.
A participación neste proceso implica garantir a orixinalidade e a autoría das propostas escénicas presentadas e que estas nunca foron publicadas, estreadas nin presentadas a outras convocatorias similares; que se conta cos respectivos dereitos de propiedade intelectual sobre elas e que estas non vulneran dereitos de terceiros. Serán da responsabilidade das persoas solicitantes os eventuais danos e perdas ocasionados polos devanditos conceptos.
Só se poderá presentar un proxecto por persoa física ou xurídica solicitante.

3. Prazo de presentación de proxectos e emenda
O prazo de presentación dos proxectos será de 20 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio na páxina web da Agadic: www.agadic.gal.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do modelo normalizado xenérico PR004A “Presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conten cun sistema electrónico específico nin cun modelo electrónico normalizado”, dispoñible na ligazón: https://sede.xunta.gal.
Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Se a solicitude non está debidamente cuberta, se non se achega a documentación esixida ou se non se reúnen os requisitos esixidos nesta convocatoria, requirirase a persoa solicitante para que, nun prazo de 10 días hábiles, contados desde o día seguinte ao da notificación do requirimento, emende o defecto advertido ou achegue a documentación preceptiva, a falta detectada ou presente os documentos preceptivos. De non cumprir o requirimento dentro do prazo concedido, considerarase que desiste da petición.

4. Documentación que se debe presentar do proxecto
Xunto coa solicitude, deberá achegarse a seguinte documentación:
Memoria explicativa do proxecto que conteña os seguintes apartados:
- Proxecto de escrita. Sinopse/proposta do texto, cun máximo de 10.000 caracteres (espazos incluídos) e coa descrición do proxecto dramatúrxico que se quere desenvolver.
- Traxectoria das persoas ou do colectivo que participe na escrita.
- Carta de motivación.

5. Comprobación de datos
Para a tramitación deste procedemento, consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos que obren en poder da Administración actuante ou que fosen elaborados polas administracións públicas:

  • DNI ou NIE da persoa solicitante.
  • DNI ou NIE da persoa representante.
  • NIF da entidade solicitante.
  • Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.
  • Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
  • Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas coa comunidade autónoma.
No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo de forma expresa na solicitude e han de achegar esa documentación.

6. Comisión de valoración e criterios de avaliación
Valoraranse as propostas económicas e técnicas e terase en conta a súa adecuación ás características do servizo.
 Para a avaliación dos proxectos presentados constituirase unha comisión de valoración, nomeada polo director da Agadic, integrada por unha persoa do cadro de persoal da axencia, que exercerá as funcións de secretaría da comisión, con voz e sen voto; polo director do Centro Dramático Galego, que ocupará a presidencia, e por unha persoa representante de cada unha das asociacións de colectivos adheridos ao proxecto que terán a condición de vogais. A condición de vogal da comisión ten carácter persoal e declararán, baixo a responsabilidade de que non incorren nalgunha das causas de abstención previstas na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do Sector Público.

7. Criterios de avaliación
Valorarase a calidade, a oportunidade artística e a orixinalidade da proposta.
Valorarase a actualidade e o interese da temática.
Valorarase que a duración estimada da montaxe do texto permita superar os 50 minutos e que non exceda os 75 minutos.
Valorarase que poida ser representada por un máximo de tres intérpretes.
Valorarase a traxectoria artística e literaria das persoas candidatas.
 
8. Resolución do procedemento de selección
O procedemento de selección de proxectos termina mediante unha resolución do director da Agadic que declare a selección dun proxecto de escrita, a proposta da comisión de valoración. A Agadic comprométese a formalizar un contrato de escrita teatral co proxecto seleccionado.
Para estes efectos, entre outras obrigas, a entidade seleccionada deberá ceder os dereitos de autor do texto completo. O prazo de execución será 4 meses, contados desde a sinatura do contrato e non será, en ningún caso, prorrogable.
A achega económica da Agadic en cada contrato de escrita que formalice será de 4000 euros, impostos incluídos.
Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse un recurso de alzada ante o presidente do Consello Reitor da Agadic, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación na web da Agadic, de acordo co establecido no artigo 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

9. Información básica en materia de protección de datos de carácter persoal
Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados, na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), coa finalidade de realizar a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e da actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.
O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme á normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos.
Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas.
Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e a resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.
Co fin de darlle a publicidade esixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme ao descrito na presente norma reguladora, a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.
As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se indica na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.