-Galicia Escena PRO 2021: inscrición de espectáculos e proxectos ata o 20 de abril (15.00h)



[05/04/2021]  A oitava edición de Galicia Escena PRO, o mercado galego de artes escénicas promovido cada ano pola Xunta, desenvolverase do 7 ao 10 de xuño, repetindo o modelo de organización compartida entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a asociación Escena Galega. O evento retoma así o seu papel como punto de encontro do sector, depois de que a pandemia motivara a súa suspensión en 2020.

Desde hoxe ata o vindeiro 20 de abril, ás 15.00 h, manterase aberto o prazo para que as compañías galegas inscriban en www.galiciaescenapro.gal as súas propostas de teatro, danza, novo circo e maxia, tanto xa estreadas –non antes do 1 de xuño de 2019– ou preparadas para seren estreadas en Galicia Escena PRO, como en fase de proxecto.
 
Tras a finalización do devandito prazo, unha dirección artística nomeada por Escena Galega e integrada por profesionais do sector será a encargada de seleccionar as producións galegas que se exhibirán no programa de espectáculos, así como os proxectos que se presentarán en formato pitching . 
 
Para garantir o cumprimento das medidas anticovid, este ano a programación non estará aberta ao público xeral, senón que se dirixirá exclusivamente aos profesionais acreditados. Ao tempo, teranse en conta para o seu deseño os espectáculos producidos nas dúas últimas temporadas, co obxectivo de darlles cabida a aqueles títulos que viron dificultada a súa chegada ao público por mor da situación sanitaria. Ademais, esta edición conxugará a faceta  presencial da exhibicións dos espectáculos e proxectos cunha virtual a través do desenvolvemento en liña das súas habituais sesións formativas e encontros profesionais.
 
-Galicia Escena PRO