-FILMS FROM GALICIA: chamamento a profesionais de empresas audiovisuais galegas para participar no MEET THEM! do Festival de San Sebastián 2022


A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, e o Departamento de Industria do Festival de San Sebastián colaboramos para promover a participación dun grupo de SETE EMPRESAS produtoras galegas baixo a marca Films from Galicia en todas as actividades do Industry Club (Foro de Coprodución, Zinemaldía & Technology, Mesas Redondas, Lau Haizetara, WIP Latam and WIP Europa). 
 
As persoas participantes terán acreditación de Industria, visibilidade no apartado Industria Online da páxina web do Festival e acceso á axenda profesional e aos espazos de networking para profesionais.
 
MEET THEM! está dirixido a compañías produtoras con ou sen proxecto que desexen ampliar a súa rede de contactos e coñecer o Festival de primeira man.  
 
Para formar parte da delegación seguirase a orde de inscrición, priorizando a asistencia daquelas persoas físicas ou xurídicas dadas de alta no epígrafe 961.1 da IAE e que non teñan no seu historial máis de dúas longametraxes calificadas polo ICAA. Poderanse incorporar compañías con máis traxectoria se o grupo non se completa inicialmente.  
 
En vindeiras datas publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria de axudas para a comercialización e difusión de proxectos e obras audiovisuais galegas en foros de negocio especializados e eventos de cine que se celebran fóra de Galicia, mediante a que se poderá financiar o 60% dos gastos derivados da asistencia a determinados eventos. Entre estes eventos inclúense, por primeira vez, o Industry Club de San Sebastián e o MAFIZ do Festival de Málaga, cunha achega de ata 600 euros
 
Para participar nesta acción, abonda enviar un correo electrónico ao enderezo electrónico audiovisual.agadic@xunta.gal,  poñendo no asunto 'Industry Club' e indicando o nome e o DNI da persoa profesional interesada en asistir.
 
  • O PRAZO DE INSCRICIÓN REMATA O LUNS 22 DE AGOSTO