Avisos
-Cultura no Camiño 2023: inscrición de espectáculos e concertos ata o 29 de marzo
[13/03/2023] A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades pon en marcha unha nova edición do programa Cultura no Camiño, unha programación cultural destinada aos concellos de Galicia polos que discorren os distintos Camiños de Santiago, e que se desenvolverá entre o 15 de xuño e o 31 de agosto de 2023.
Para a configuración do catálogo de espectáculos e concertos de Cultura no Camiño 2023, a Axencia Galega das Industrias Culturais abre un prazo do 13 ao 29 de marzo para que todas as compañías e grupos interesados poidan inscribir as súas propostas a través da páxina web www.galescena.gal.
Poderán inscribirse espectáculos de teatro, danza, narración oral, novo circo, maxia e concertos de música de calquera modalidade, producidos e distribuídos por empresas dedicadas profesionalmente ás artes escénicas ou musicais con sede, domicilio social ou establecemento permanente na Comunidade Autónoma de Galicia. Quedan excluídas desta convocatoria as asociacións culturais e restantes entidades sen fins de lucro.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará proximamente as bases da convocatoria destas subvencións en réxime de concorrencia non competitiva, así como as cantidades máximas a percibir polos concellos participantes:
- 3.500 euros para concellos de máis de 20.000 habitantes que corresponderían ao 40% do caché de cada actividade programada.
- 2.500 euros para concellos de menos de 20.000 habitantes, que corresponderían ao 50% do caché de cada actividade programada.