PODERÁ VERSE ESTE VENRES 16 E O SÁBADO 17 AS 20:30 HORAS; E O DOMINGO 18 ÁS 18:00

Ningures escenifica no Salón Teatro a obra '0,7% Molotov', escrita e dirixida por Santiago Cortegoso

  Os actores Rocío González e Salvador del Río e os bailaríns Armando Martén e Ana Beatriz Pérez interpretan esta montaxe, que indaga con ironía e humor no tema do compromiso político e a compra de conciencias.

  O dramaturgo pontevedrés figura por esta peza como finalista aos premios Max e María Casares 2012

Ningures escenifica no Salón Teatro a obra  '0,7% Molotov', escrita e dirixida por Santiago Cortegoso
[14/03/2012]
O Salón Teatro de Santiago acolle esta fin de semana tres funcións de 0,7% Molotov, a última produción de Teatro de Ningures, escrita e dirixida por Santiago Cortegoso. A peza valeulle ao dramaturgo pontevedrés o Premio Rafael Dieste de Escrita Dramática e figurar como finalista nos Premios Max de Artes Escénicas e María Casares 2012.

0,7% Molotov poderá verse no escenario do Centro Dramático Galego (CDG) este venres 16 e sábado 17 ás 20.30 horas; así como o domingo 18 ás 18.00 horas. As entradas para as tres funcións poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo de cada representación. Tamén se poden adquirir por adiantado na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web http://entradas.novagaliciabanco.es. O prezo das localidades é de 10 euros para as funcións do venres e do sábado (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven, desempregados e determinados colectivos profesionais) e de 5 euros para o domingo, día do espectador.
 
A actriz Rocío González e o actor Salvador del Río interpretan a unha neohippy solidaria que acaba de chegar de África (Ela) e a un nihilista solitario (El) que a contrata para facer a vendima. Ela descobre un lugar no que atopar unha identidade libre de conflitos, no que ser auténtica; e El está de volta dunha vida urbana hipócrita e consumista, na que vendeu a conciencia e a coherencia política en cómodos prazos.
 
Armando Martén e Ana Beatriz Pérez, bailaríns da compañía de danza Entremans, acompañan os monólogos interiores dos dous personaxes, reflectindo co movemento o que El e Ela están pensando.

Personaxes en conflito
0,7% Molotov trata con ironía e humor o tema do compromiso político e a dificultade de adoptalo sen caer en contradicións. A obra amosa personaxes en conflito con eles mesmos e cos demais, que procuran a liberdade, a felicidade e a identidade. Deste xeito, a través do personaxe masculino, ponse de manifesto a frustración ante a imposibilidade de cambiar un mundo desigual e inxusto, onde a solidariedade e o compromiso poden entrañar un discurso hipócrita. Escéptico e desencantado, pasou de mozo soñador a socialdemócrata acomodado, consciente de que o mundo occidental aspira a manter o seu estilo de vida consumista. Pola contra, Ela, aínda que vive cos seus propios conflitos de identidade, está convencida de que as cousas poden mudar. Idealista, enérxica e cooperante, procura o seu lugar no mundo.
 
Na produción de Teatro de Ningures tamén colaboraron Paco Alfaro no deseño da iluminación, Anxo Graña na música, Pablo Giráldez  “O Pastor” na escenografía e Marina Bañobre no vestiario.
 
Tralo paso deste espectáculo, o Salón Teatro continuará a súa programación o vindeiro xoves 22 co concerto de presentación do disco Sarahyba a cargo do grupo Liorna, o primeiro dos incluídos no Ciclo ST Música Presente 2012.

-Web de Teatro de Ningures.