Cultura e Educación patrocina un estudo que cifra a industria musical asociada ás verbenas en 4.000 empregos e 26.200.000 euros de facturación

  Esta investigación, elaborada polo equipo Canal Campus da USC e pioneira no ámbito da música nas festas populares de Galicia, cifra en 295 os grupos e orquestras galegas e en 2.387 os festexos con verbena celebrados durante 2010

  O director da Agadic, Juan Carlos F. Fasero, e o decano da Facultade de Ciencias da Comunicación, Xosé Pereira, acompañaron os integrantes deste grupo de traballo, coordinado polo profesor Xaime Fandiño, na presentación dos resultados do informe

Cultura e Educación patrocina un estudo que cifra a industria musical asociada ás verbenas en 4.000 empregos e 26.200.000 euros de facturación
[22/03/2012]
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria patrocinou, a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), o estudo Do palco ó escenario, desenvolvido polo equipo Canal Campus da Universidade de Santiago co obxectivo de ofrecer unha aproximación analítica á industria da música nas festas populares galegas.

De acordo cos rexistros de 2010 recompilados para esta investigación, as verbenas xeran 4.000 empregos –dos que 3.100 corresponden a músicos e técnicos, aos que se suman axentes e persoal de empresas auxiliares– e unha facturación estimada de 26,2 millóns de euros anuais a través de actuacións ao aire libre e festivais, cifra á que habería que engadir outros 2 millóns de euros no caso de ter en conta as actuacións en salas de festas e as ofrecidas fóra de Galicia.
 
Os principais datos e conclusións do traballo, o primeiro que aborda unha análise cuantitativa e exhaustiva deste subsector musical en Galicia, foron presentados hoxe no transcurso dunha rolda de prensa na que interviñeron Juan Carlos F. Fasero, director da Agadic; Xosé Pereira, decano da Facultade de Ciencias da Comunicación; o profesor Xaime Fandiño, coordinador do proxecto; e os doutorandos Mara González Núñez, Zósimo López Pena, Henrique Neira Pereira e Juan Carlos Regueira Rey, que asinan a investigación.
 
Co seu apoio a esta iniciativa, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reafirma a súa aposta pola investigación no ámbito das industrias culturais cara á definición de estratexias que contribúan a impulsar o desenvolvemento do sector. Este documento é, de feito, a carta de presentación de Canal Campus como equipo de traballo multidisciplinar que inicia a súa andaina co obxectivo de crear un observatorio da música en Galicia e incidir nunha liña de investigación, a dos estudos de música popular, con escasa tradición académica na nosa Comunidade.
 
Fontes oficiais e profesionais
Do palco ó escenariocifra nun total de 2.387 as festas con verbena desenvolvidas durante 2010, ano durante o que se rexistraron 5.743 actuacións. Contabilízanse, ademais, 295 grupos e orquestras galegas, así como outras 25 formacións de fóra que actúan en Galicia con regularidade. Os datos foron obtidos directamente dos concellos, empresas e axentes, artistas, técnicos e representantes de comisións de festas, que suman un total de 400 entidades como fontes directas deste estudo. Realizáronse, asemade, unhas 50 entrevistas persoais para afondar nos modelos organizativos das verbenas e das propias orquestras.
 
Destaca neste inventario a festa da Guadalupe de Rianxo como a celebración que reuniu un maior número de orquestras en 2010: un total de 15, que ofreceron 22 actuacións cun investimento de 63.000 euros. Así mesmo, as orquestras Panorama e París de Noia son as máis demandadas polas comisións de festas, con 200 actuacións cada ano entre verbenas e salas de festas, así como as de caché máis elevado, chegando a cobrar 18.000 euros en temporada alta.
 
A partir de datos reais e desde as diferentes perspectivas que proporcionan as partes implicadas,Do palco ó escenario ofrece pois unha foto fixa deste subsector musical en Galicia, arredor do que só existían ata o momento estudos baseados en estimacións e opinións dos axentes involucrados.
 
Conclusións
O estudo conclúe que, no que respecta ao número e modelo organizativo das súas festas populares, Galicia é “sitio distinto” ao contar cunha estrutura estable, profesionalizada e xeralmente independente das subvencións institucionais, que se asenta en tres alicerces fundamentais: o mantemento e perpetuación da tradición unida de forma directa ao cambio xeracional e demográfico do lugar, a capacidade das formacións para seguir interesando coa súa música e espectáculo os novos públicos, e o compromiso da comunidade de veciños no financiamento da parte lúdica da festividade.
 
A investigación detecta tamén unha reducida presenza feminina en determinados roles laborais relacionados coas verbenas. Así, aínda que un 55% das vocalistas son mulleres, esta porcentaxe redúcese ao 3% no caso das músicas e a outro 3% no das que realizan funcións técnicas.

-Consulta e descarga do estudo en pdf (2 MB).