A Consellería de Cultura e Educación, a través da Agadic, expresa o seu apoio aos Premios María Casares canto á proxección social do teatro galego

  Organizada pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia, a gala de entrega celébrase o 3 de abril no Teatro Rosalía Castro da Coruña co patrocinio da Axencia Galega das Industrias Culturais

  O director da Axencia enmarcou esta colaboración na política de apoio público ao sector destinada a promover a creación, produción e distribución de espectáculos

A Consellería de Cultura e Educación, a través da Agadic, expresa o seu apoio aos Premios María Casares canto á  proxección social do teatro galego
[23/03/2012]
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria amosou o seu apoio aos Premios de Teatro María Casares como canle para a proxección social do conxunto da profesión teatral galega. Así o expresou hoxe o director da Agadic, Juan Carlos F. Fasero, quen referendou o apoio económico da Consellería á gala de entrega do 3 de abril na Coruña.

Fasero explicou que, como patrocinadora do evento que acollerá o Teatro Rosalía Castro, a Agadic contribúe a esta celebración cunha achega de 40.000 euros á Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) para a organización da cerimonia, ao tempo que enmarcou esta colaboración na política de apoio ao sector teatral que a Consellería de Cultura e Educación desenvolve neste primeiro semestre de 2012 a través de diferentes liñas destinadas a promover a creación, produción e distribución dos espectáculos galegos: convocatoria de subvencións á produción escénica, distribución, mantemento de salas privadas, asociacionismo profesional e celebración de festivais ou a continuidade da  actividade da Rede Galega de Teatros e Auditorios e da Rede Galega de Salas, entre outras iniciativas.
 
“Colleita exquisita”
No caso concreto da actividade escénica e do traballo dos profesionais do sector, o responsable da Agadic engadiu: “a colleita deste ano é exquisita, non só desde o punto de vista artístico, senón tamén atendendo ás cifras de ocupación dos teatros que, a pesar da crise -engadiu- se manteñen e incluso se incrementan, o que demostra que existe un interese verdadeiro por parte da audiencia respecto ao teatro galego.”
 
Estas declaracións realizounas durante a presentación da gala que tivo lugar este mediodía no Concello da Coruña e na que tamén interviñeron a concelleira de Cultura, Ana María Fernández Gómez; a vicepresidenta da AAAG, Casilda Alfaro; e o director da cerimonia de entrega, José Luis Prieto. A compañía Obras Públicas será a encargada de conducir o evento, intercalando as súas intervencións humorísticas entre os diferentes bloques de entrega de premios, para o que contarán ademais coas achegas de Suso Montero na dirección de arte e de Ramón Orencio na musical.
 
Trece categorías e Premio de Honra
No transcurso desta cerimonia revelarase o nome dos gañadores que subirán ao escenario a recoller os galardóns nas 13 categorías convocadas: mellor maquillaxe, mellor vestiario, mellor iluminación, mellor música orixinal, mellor adaptación-tradución, mellor texto orixinal, mellor escenografía, mellor actriz secundaria, mellor actor secundario, mellor actriz protagonista, mellor actor protagonista, mellor dirección e mellor espectáculo. Durante a gala entregarase, así mesmo, o Premio de Honra “Marisa Soto”, que este ano recoñece a traxectoria da Sala Nasa como espazo de exhibición e dinamización da vida cultural compostelá.
 
Un total de 11 montaxes das 30 que presentaron candidaturas concorren a estes XVI Premios de Teatro María Casares, a través dos que se recoñece o labor dos profesionais do teatro nos distintos ámbitos de creación e produción en espectáculos en lingua galega estreados entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2011.
 
De periodicidade anual, a AAAG creou este galardón no ano 1997 co fin de servir de estímulo e recoñecemento á profesión teatral, ao tempo que viña a cubrir un baleiro existente neste ámbito. Como vén facendo desde o inicio da súa traxectoria en 2009, a Axencia Galega das Industrias Culturais mantén o seu apoio a esta celebración, que conta tamén coa colaboración doutras entidades como o Concello da Coruña, a Fundación AISGE ou a Televisión de Galicia, que transmitirá a cerimonia.

-Dossier dos XVI Premios María Casares realizado pola AAAG.