Cultura e Educación amplía a programación da Rede Galega de Música ao Vivo con 22 concertos promocionais de novos discos

  Alberto Vilas, Borja Cao Trio, Loaira, Manu Clavijo, Quempallou, Roberto Sobrado e Uxía presentan os seus últimos traballos discográficos en 13 das salas do circuíto que promove a Consellería a través da Agadic

  Esta iniciativa conta cun financiamento de 16.500 euros, que eleva a preto de 99.000 euros o investimento público no calendario da Rede para este semestre

Cultura e Educación amplía a programación da Rede Galega de Música ao Vivo con 22 concertos promocionais de novos discos
[06/04/2012]
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza, a través da Agadic, un ciclo especial dedicado á promoción de traballos discográficos galegos nas salas asociadas á Rede Galega de Música ao Vivo, que suma así 22 novos concertos aos 225 que xa configuran a programación deste primeiro semestre de 2012.


Un total de sete artistas e grupos de moi diferentes estilos –Alberto Vilas Quinteto, Borja Cao Trio, Loaira, Manu Clavijo, Quempallou (na imaxe), Roberto Sobrado e Uxía– actuarán en 13 salas do circuíto para presentar os seus últimos discos no marco desta iniciativa, que a Consellería impulsa a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e en colaboración coa Asociación Galega de Produtoras Fonográficas (Agaphono).
 
O ciclo conta cun orzamento de 16.500 euros, que eleva a preto de 99.000 euros o investimento público na programación da Rede Galega de Música ao Vivo para este primeiro semestre de 2012 e contribúe á consolidación deste circuíto comoa máis ampla e estable canle para a distribución en Galicia de música en directo nos locais de aforo reducido, á que teñen acceso tantos os grupos consolidados como os emerxentes.
 
Calendario
A meirande parte destas 22 novas actuacións, que deron comezo en marzo con Loaira na sala Contrabajo de Vigo e Roberto Sobrado na Baranda do Barco de Valdeorras, concéntranse nos meses de abril e maio. O calendario inclúe catro directos de Uxía centrados nos temas do seu álbum Meu canto (1 de abril no Aturuxo de Bueu, 27 de abril no Bar Liceum do Porriño, 4 de maio na sala Garufa da Coruña e 18 de maio no Clavicémbalo de Lugo), outros tres de Roberto Sobrado e Banda para presentar Noroeste estraño (11 de abril no Auriense Café Cultural de Ourense, 12 de maio no Ultramarinos de Santiago e 24 de maio na Fábrica de Chocolate de Vigo), catro concertos de Quempallou con Vellas novas (13 de abril no Liceum, 20 de abril no Auriense, 28 de abril na Sala Super8 de Ferrol e 16 de maio na Fábrica de Chocolate), outros tres de Loaira co seu disco de debut homónimo (18 de abril no Clavicémbalo, 9 de xuño no Auriense e 24 de xuño no BâBâ Bar da Coruña) e catro de Alberto Vilas Quinteto con Experianza (27 de abril no Clavicémbalo, 30 de abril no Bar Liceum, 2 de maio no Jazz Filloa da Coruña e 5 de maio no Náutico do Grove).
 
Esta programación especial completase con senllos directos de Manu Clavijo para promover o seu disco Lois Pereiro. Canción última… (3 de maio na sala Garufa) e de Borja Cao Trio con The future is green (12 de maio no Clavicémbalo).
 
A Consellería de Cultura e Educación traslada así á Rede Galega de Música ao Vivo a fórmula empregada na programación que promove no Salón Teatro de Santiago a través do ciclo ST Música Presente que, organizado igualmente pola Agadic en colaboración con Agaphono, está a celebrar a súa cuarta edición. O obxectivo é ofrecerlles ás discográficas galegas novas canle de difusión dos seus artistas desde unha perspectiva esencialmente promocional e comercial, xa que entre os principais destinatarios destes directos atópanse programadores, promotores de festivais e certames de música, distribuidores, prensa especializada e demais axentes culturais de dentro e fóra de Galicia.
 
Intensifícase, ao tempo, a programación semestral da Rede Galega de Musica ao Vivo, que iniciou a súa traxectoria en 2007 e vén experimentando nesta última etapa un importante avance canto á súa profesionalización, tanto desde o punto de vista das condicións técnicas das 39 salas asociadas neste momento como da distribución dos grupos, e especialmente desde a implantación a primeiros de 2011 dunha nova normativa de funcionamento.

-Calendario de concertos na axenda desta web.