A Consellería de Cultura e Educación promove a música galega na feira Monkey Week de Cádiz cun stand de GalicianTunes

  Os galegos Dirty Socks, Fon Román, Jane Joyd, The Cornelius e Xoel López ofrecerán un total de oito concertos no marco deste encontro profesional, que dá comezo mañá no Porto de Santa María

  Agadic e AGEM editan un novo disco cunha escolma de 26 temas de pop, rock e música de raíz de grupos galegos ou representados por compañías galegas

A Consellería de Cultura e Educación promove a música galega na feira Monkey Week de Cádiz cun stand de GalicianTunes
[10/10/2012]
Galicia contará cunha destacada representación artística e empresarial na quinta edición do encontro internacional de música Monkey Week, que se desenvolve desde mañá e ata o sábado no Porto de Santa María, Cádiz, e onde a marca GalicianTunes disporá do seu propio stand promocional grazas ao apoio da Consellería de Cultura e Educación.

A música de Galicia estará presente, así mesmo, nos distintos escenarios da localidade gaditana que estes días acollen unha extensa carteleira artística, cun total de oito actuacións a cargo de grupos e intérpretes galegos. Na xornada do venres, Xoel López, The Cornelius e Fon Román –este último seleccionado por Artistas en Ruta da AIE (Sociedade de Artistas, Intérpretes ou Executantes)– tocarán como parte do programa de showcases. Ademais, Jane Joyd e Xoel López protagonizarán esa noite os dous concertos centrais que terán lugar no escenario principal do Monkey Week.
 
Na tarde do sábado será a quenda da banda compostelá Dirty Socks, con dous showcases programados, mentres que Xoel López ofrecerá a súa terceira e última actuación nesta quinta edición do encontro.
 
Monkey Market
As empresas galegas EsmerArte e Dotbeat! contarán tamén cos seus propios espazos no Monkey Market, que quedará instalado no Teatro Pedro Muñoz Seca e onde se situará así mesmo o stand de GalicianTunes, que a Consellería de Cultura e Educación promove a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) e en colaboración con AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais).
 
Este expositor estará ao servizo de todas as compañías e artistas galegos participantes, ao tempo que servirá para a difusión da música galega en xeral entre os profesionais acreditados no encontro, entre os que se atopan representantes de discográficas, promotoras, compañías de management, empresas de servizos, medios especializados, programadores de salas ou espazos públicos, etc.
 
Dentro da súa liña de colaboración na procura de impulsar a presenza e proxección exterior da nosa música, Agadic e AGEM acaban de editar un novo disco promocional das empresas e bandas galegas cara á súa distribución gratuíta tanto no encontro gaditano como en Womex, a feira de world music que se celebra a próxima semana na cidade grega de Tesalónica. Trátase dun dobre disco compacto, cun total de 26 temas de diferentes estilos, pero con especial atención á música de raíz e ao pop e rock independente.
 
Neste último apartado, no que se centra precisamente a actividade de Monkey Week, recóllense temas asinados por Dirty Socks, Metralletas Lecheras, Roberto Sobrado, Novedades carmiña, Maryland, Xoel López, Eladio y Los Seres Queridos, Dixie Town ou The Cornelius, entre outros.
 
A quinta Monkey
Monkey Week celebra este ano no Porto de Santa María a súa quinta edición como escaparate e punto de encontro para artistas, público e profesionais da escena musical independente. Durante os tres días de feira desenvolveranse máis de 130 actuacións (entre concertos eshowcases) repartidas entre 12 escenarios e salas da cidade gaditana.
 
A zona de mercado acollerá un total de 32 stands de entidades públicas, discográficas, empresas de management, de comunicación e doutros axentes do sector musical. Ademais, consolídase a programación exclusivamente profesional de conferencias, talleres e mesas redondas coa música independente como centro de atención.

-Web de Monkey Week.