A Consellería de Cultura e Educación promove a participación de nove produtoras galegas no European Film Market da Berlinale

  Contan co apoio económico e institucional da Agadic para asistir a este destacado mercado cinematográfico internacional, que se desenvolve do 7 ao 15 de febreiro no marco do 63º Festival Internacional de Cine de Berlín

  A acción encádrase no acordo para a internacionalización do sector audiovisual galego que a Axencia Galega das Industrias Culturais mantén co Igape

  A delegación empresarial está integrada polos representantes de Tic-Tac Producciones, Abano Producións, Vaca Films, Agallas Films, Zeitun Films, Matriuska Producciones, Artefacto Producciones, EAF Producións e Enxebre Entertaiment

A Consellería de Cultura e Educación promove a participación de nove produtoras galegas no European Film Market da Berlinale
[04/02/2013]
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apoia, a través da Agadic, a participación de 9 produtoras galegas no European Film Market de Berlín, o segundo mercado cinematográfico do mundo tralo Marché du Film de Cannes, que se desenvolverá do 7 ao 15 deste mes no marco do Festival Internacional de Cine da capital xermana.

A delegación empresarial galega –integrada polos representantes de Tic-Tac Producciones, Abano Producións, Vaca Films, Agallas Films, Zeitun Films, Matriuska Producciones, Artefacto Producciones, EAF Producións e Enxebre Entertaiment– terá á súa disposición un espazo propio para o desenvolvemento de xuntanzas de traballo e a difusión das súas producións dentro do pavillón Cinema from Spain, do que a Agadic formará parte xunto ao Instituto de Comercio Exterior (ICEX), o Instituto Nacional da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA), a Federación de Asociacións de Produtores Audiovisuais (FAPAE) e outros organismos autonómicos.
 
Cultura e Educación tamén contribúe a apoiar esta presenza galega a través do financiamento de parte dos gastos de viaxe, aloxamento e acreditación dos profesionais asistentes ao encontro, onde a Agadic distribuirá así mesmo diferente material destinado á difusión do cine feito en Galicia.
 
Publicacións promocionais
Destacan neste sentido as publicacións Films from Galicia, escolma das producións máis recentes de longametraxes de ficción, animación e documental, así como as últimas novidades en series e películas para televisión; e Ways to Film, concibida como carta de presentación de Galicia como escenario de rodaxe, tanto polas súas localizacións como pola existencia dunha industria audiovisual moderna e consolidada.
 
Esta acción de promoción exterior encádrase no acordo para a internacionalización do sector audiovisual galego que a Axencia Galega das Industrias Culturais mantén co Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e dentro do que se apoiou tamén a presenza galega nas pasadas edicións do MIPCOM de Cannes e do mercado Ventana Sur de Bos Aires. Os principais cometidos da Agadic neste tipo de foros teñen que ver coa promoción e venda das obras audiovisuais galegas, pero tamén coa coprodución e a busca de todo tipo de oportunidades de colaboración internacional.
 
Neste ámbito, o European Film Market é un dos máis importantes escaparates de cine do mundo, asociado á programación da Berlinale como o centro de negocios para os profesionais que asisten ao famoso festival de cine. Cada ano acolle a máis de 400 expositores (na súa maioría produtoras, distribuidoras e organismos oficiais) duns 50 países, así como con máis de 1.300 compradores de todo o mundo.

-Web do European Film Market