Cultura e Educación sitúa a Jacobo Sutil á fronte da Axencia Galega das Industrias Culturais

  O Consello da Xunta de Galicia deu hoxe o visto e prace a este nomeamento

Cultura e Educación sitúa a Jacobo Sutil á fronte da Axencia Galega das Industrias Culturais
[07/03/2013]
O Consello da Xunta de Galicia deu hoxe o visto e prace ao nomeamento de Jacobo Sutil Nesta como novo director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), ocupando o cargo que desempeñara Juan Carlos Fernández Fasero, quen deixou a Axencia por motivos persoais.

O novo director da Agadic é licenciado en Ciencias Empresariais pola Universidade de Santiago de Compostela, na rama de Fontes de Financiamento e realizou o MBA da Escola de Negocios Caixanova e o Máster en Dirección Financieira e Control de Xestión de CESMA Business School.
 
Sutil Nesta desenvolveu a súa carreira profesional en diferentes postos de responsabilidade, no eido da xestión orzamentaria, finanzas, negociación e desenvolvemento de novos produtos.
 
Este nomeamento únese á activación a semana pasada das tres redes de distribución de espectáculos da Agadic, de tal forma que a engrenaxe de actuación da axencia funciona xa a pleno rendemento para facer fronte aos novos retos. Entre eles cómpre salientar a posta en marcha dun novo programa de difusión escénica, que está destinado a propiciar a proxección das compañías de teatro galego en Portugal, potenciar a comunicación intercultural, o intercambio no marco da lusofonía e, en definitiva, a internacionalización da industria cultural galega. Para a activación das tres redes e máis para o impulso desta nova iniciativa, a Consellería destina un orzamento de máis de 658.000 euros.