Cultura e Educación impulsa a proxección exterior do audiovisual galego coa presenza de sete produtoras no Marché du Film de Cannes

  A Consellería préstalles apoio económico e institucional, a través da Agadic, para participar no que é o primeiro mercado cinematográfico internacional, que se desenvolve ata o día 24 no marco do prestixioso festival da cidade francesa

  A delegación empresarial está integrada polos representantes de Tic Tac Producciones, Vaca Films, Artefacto Producciones, Abano Filmes, Cinemar Films, Zircozine e Artemática

  Esta acción forma parte do programa de internacionalización do sector que a Axencia Galega das Industrias Culturais desenvolve en colaboración co Igape

 Cultura e Educación impulsa a proxección exterior do audiovisual galego coa presenza de sete produtoras no Marché du Film de Cannes
[16/05/2013]
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria promove a participación de sete produtoras galegas no Marché du Film de Cannes, o mercado cinematográfico máis importante do mundo, que se desenvolve desde onte e ata o vindeiro día 24 dentro da 66ª edición do prestixioso festival de cine da cidade francesa.

A través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e en colaboración co Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), o departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad presta apoio económico e institucional á delegación empresarial galega neste encontro, ao que asisten os representantes de Tic Tac Producciones, Vaca Films, Artefacto Producciones, Abano Filmes, Cinemar Films, Zircozine e Artemática.
 
O obxectivo principal da asistencia a esta relevante cita para a industria cinematográfica ten que ver coa promoción e a venda internacional das obras audiovisuais galegas, pero tamén coa coprodución e a busca de todo tipo de oportunidades financeiras e de negocio para o sector.
 
Plataforma para a internacionalización
Con tal fin, en Cannes o audiovisual galego conta cun un espazo propio para o desenvolvemento de xuntanzas de traballo e a difusión das súas producións dentro do pavillón Cinema from Spain, no Palais des Festival, do que a Agadic forma parte xunto ao Instituto de Comercio Exterior (ICEX), o Instituto Nacional da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA), a Federación de Asociacións de Produtores Audiovisuais de España (FAPAE) e Catalan Films & TV.
 
Ademais, a Axencia encargarase da distribución de diferente material destinado á difusión do cine feito en Galicia, entre o que destacan as publicacións Films from Galicia, escolma das producións máis recentes de longametraxes de ficción, animación e documental, así como as últimas novidades en series e películas para televisión; e Ways to Film, concibida como a carta de presentación de Galicia como escenario de rodaxe, tanto polas súas localizacións como pola existencia dunha industria audiovisual moderna e consolidada.
 
Presenza nas principais citas internacionais
A participación no Marché du Film encádrase no acordo para a internacionalización do sector audiovisual galego que a Agadic mantén co Igape e dentro do que no último ano se apoiou tamén a presenza nas pasadas edicións do Mipcom e Miptv, dúas importantes feiras de contidos audiovisuais que tamén teñen lugar en Cannes, así como no mercado Ventana Sur de Bos Aires e no European Film Market, que se desenvolve dentro do Festival Internacional de Cine de Berlín. A Consellería apoiou, así mesmo, a asistencia de profesionais e de producións galegas ás principais citas cinematográficas a nivel estatal, o Festival Internacional de Cine de San Sebastián e o Festival de Cine Español de Málaga.
 
Neste ámbito, oMarché du Film de Cannes é o principal mercado cinematográfico do mundo, de xeito que supón unha oportunidade única para a compra, venda, financiamento, distribución e coprodución dos contidos que reúne. Con máis de cincuenta anos de traxectoria, esta cita congrega cada ano uns 10.000 profesionais do sector –produtores, distribuidores, axentes, programadores de festivais, etc.– arredor dunha gran área de mercado e de 34 salas de proxección, nas que se exhiben máis de 4.000 producións e proxectos.

-Web do Marché du film