O Centro Dramático Galego representa en Narón "Días sen gloria", de Roberto Vidal Bolaño, con dirección de Fefa Noia

  O Pazo da Cultura da localidade coruñesa acollerá este sábado 25 ás 20:00 horas unha función para público xeral, que virá precedida da que se desenvolverá o venres pola mañá para os escolares da comarca de Ferrolterra

  Manuel Manquiña protagoniza unha das obras que mellor resume o universo teatral do dramaturgo compostelán ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas

  A dirección de escena é de Fefa Noia e completan o elenco Eva Souto, Felisa Segade, Sergio Zearreta e Borja Fernández

O Centro Dramático Galego representa en Narón
[22/05/2013]
O Centro Dramático Galego da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria representa este sábado en Narón a súa última produción teatral, Días sen gloria, orixinal de Roberto Vidal Bolaño, dirixida por Fefa Noia e protagonizada por Manuel Manquiña como homenaxe ao autor ao que se dedica este ano o Día das Letras Galegas.
O Pazo da Cultura de Narón acollerá dúas funcións do espectáculo, xa que ademais da función para público xeral do sábado ás 20.00 horas, a compañía institucional realizará outro pase anterior o venres 24 ás 11.00 da mañá, ao que terán acceso os estudantes de centros de ensino de toda a comarca de Ferrolterra.
 
Despois da súa estadía no Salón Teatro de Santiago durante tres semanas o pasado mes de abril e do seu paso por O Barco, Ourense, Tui, A Estrada e A Coruña,  Días sen gloria continúa co seu percorrido ata mediados de xuño por Galicia e Portugal. Nas próximas semanas estará en Pontevedra, Rianxo e Lugo, ademais de na localidade portuguesa de Braga, co obxectivo de acadar a máxima difusión desta proposta teatral, actividade central da programación que a Consellería de Cultura e Educación lle dedica durante este ano a Roberto Vidal Bolaño, primeiro profesional da escena ao que se honra no Día das Letras.
 
Universo bolañano
Xunto con Manuel Manquiña, Eva Souto, Borja Fernández, Felisa Segade e Sergio Zearreta poñen en escena esta nova versión do texto gañador do Premio Rafael Dieste en 1999, que a compañía de Vidal Bolaño Teatro do Aquí levara ás táboas hai vinte anos co propio autor no papel protagonista. Trátase, ademais, dunha das obras que mellor resume o universo bolañano, cos seus personaxes e ambientes marxinais, a épica da derrota como temática recorrente e onde se reflicten, así mesmo, as súas recoñecidas influencias cinematográficas.
 
Días sen gloriaé a historia de dous antiheroes que comparten unha viaxe sen retorno, ambientada no Camiño de Santiago como territorio no que o paradigma amor-morte se converte en atmosfera inquietante. Ambos os dous compartirán trinta días de viaxe física e emocional, que sobre as táboas se desenvolve a través dunha trintena de escenas concentradas en pouco máis de hora e media de función, con 25 personaxes para cinco actores e 50 espazos nun mesmo escenario.
 
Manuel Manquiña, un dos actores galegos máis coñecidos, e Eva Souto, unha das novas caras da nosa escena, son El e Ela, dous personaxes anónimos e derrotados que peregrinan a Compostela na procura de cadansúa utopía. Ela é unha prostituta nova e inxenua, que pretende darlle alcance ao cabaleiro que a enganou ao non lle pagar polos servizos amatorios de dúas semanas. El é un gallofo vello, coñecedor de todos os atallos e ameazas da ruta xacobea, que accede a acompañala a cambio de cartos para acabar enfrontando xuntos un destino que xa na primeira escena se presenta como inevitable.
 
Espazo sonoro en directo
Sairanlles ao paso cegos, tolos, esmoleiros, prostitutas e predicadores, así como o propio cabaleiro e o seu círculo, todos eles interpretados por Borja Fernández, Felisa Segade e Sergio Zearreta. A experiencia musical destes tres intérpretes –Felisa Segade como integrante de Leilía e Brincadeira e Borja Fernández e Sergio Zearreta tanto en proxectos de teatro musical como á fronte das bandas Soy Un Árbol e Lamatumbá, respectivamente– permítelles asinar tamén o espazo sonoro do espectáculo que, máis alá dun mero acompañamento musical, recrea en directo a tradición popular a partir das cantigas que se recollen no texto e coa incorporación doutras novas.
 
Este importante reto escénico supón, ademais, o regreso ao teatro galego de Fefa Noia, directora compostelá afincada en Madrid e cunha intensa traxectoria profesional vinculada a Teatro de la Abadía, Centro Dramático Nacional, Compañía Nacional de Teatro Clásico, EscénaTe e á súa compañía Los Lunes, entre outras formacións. Para a súa materialización, contou coa escenografía a base de cordames móbiles ideada por Baltasar Patiño, a iluminación de Pedro Yagüe e o vestiario de Alejandro Andújar, así como coa asistencia na dirección de Roi Vidal, fillo do autor.
 
Venda de entradas
As localidades para asistir ao espectáculo en Narón están á venda no despacho de billetes do Pazo da Cultura en horario de 10:00 a 13.30 e de 18.00 a 20.00. Os prezos oscilan entre os 9 euros para unha entrada xeral ata o importe reducido de 5 euros mediante a presentación do Carné Xove ou da Tarxeta de Estudante, en tanto que os abonados a este espazo escénico poden adquirir a súa entrada por 6,30 euros.

-Dossier do espectáculo.
-Web do Padroado de Cultura de Narón.