ABRANGUE OS EIDOS LABORAL, FISCAL E CONTABLE

O IGAEM pon a disposición das empresas escénicas e musicais un servizo gratuíto de consultoría

[10/05/2006]
O Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais -IGAEM- da Consellería de Cultura e Deporte vén de poñer a disposición das empresas escénicas e musicais galegas un servizo gratuíto de consultoría e apoio á xestión nos eidos laboral, contable, económico-financeiro e mercantil, que ten como obxectivo o asesoramento ás empresas artísticas do sector como factor que contribúa ao reforzamento da súa posición no panorama cultural galego.
Este servizo de nova creación, que se prestará en colaboración coa sociedade cooperativa Algalia, consiste no asesoramento puntual e telemático sobre as necesidades legais derivadas das distintas áreas da xestión económica que levan a cabo as compañías galegas dedicadas ao tipo de actividade artística que entran no ámbito competencial do IGAEM, tendo en conta os especiais condicionantes que inciden nos xeitos de produción e distribución da industria cultural.

A iniciativa permitirá, de xeito paralelo, o rexistro das carencias máis usuais canto á administración de empresas que acusan os profesionais, como información a ter en conta á hora de configurar un plan básico de accións formativas específicas.

Procedemento en liña

O proceso de tramitación das consultas consiste no envío das mesmas, con identificación do seu emisor, ao enderezo electrónico asesoria.igaema r r o b axunta.es. Trala recepción da mensaxe procederase á súa clasificación temática para a súa atención polo asesor máis axeitado dun equipo de seis colaboradores especializados. As cuestións serán contestadas, tamén vía e-mail, nun prazo medio de catro días, tempo no que, de ser necesario, establecerase comunicación telefónica co consultante para conseguir que o servizo sexa o máis satisfactorio posible.

O servizo compleméntase coa comunicación directa ás compañías das novidades máis interesantes canto á xestión económica, a publicación mensual no boletín e-scena dos calendarios fiscais e laborais; así como a remisión de alertas sobre axudas ou liñas de financiamento subvencionado. Tamén se contempla a reprodución de listaxes das preguntas máis habituais coas súas correspondentes respostas e da lexislación básica que atinxe ao sector desde a páxina web do IGAEM.