O Salón Teatro de Santiago ofrece dous pases do filme de Margarita Ledo "A cicatriz branca"

  A película, inspirada na historia das mulleres galegas que emigraron a América na primeira metade do século XX, será proxectada este domingo 27 ás 18.00 horas e o luns 28 ás 20.30 horas

  A fita, que será presentada a finais deste mes en Bos Aires, contou para a súa realización co apoio da Agadic a través das axudas á produción audiovisual

  Eva Veiga, Xabier Deive, Lino Braxe e Tamar Novas figuran no reparto desta longametraxe, rodada entre Galicia e Arxentina

O Salón Teatro de Santiago ofrece dous pases do filme de Margarita Ledo
[25/10/2013]
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrece no Salón Teatro de Santiago de Compostela dous pases da longametraxe A cicatriz branca, escrita e dirixida por Margarita Ledo Andión, que será proxectada este domingo 27, ás 18.00 horas, e o luns 28, ás 20.30 horas, e para a que xa están á venda as entradas.

A fita inspírase nos milleiros de galegas que durante a primeira metade do século XX emigraron soas a América, moitas delas de xeito ilegal, con papeis que falsificaban a súa idade e mesmo a súa identidade. Producida por Nós, Produtora Cinematográfica Galega, A cicatriz branca contou para a súa realización co apoio económico da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a través da súa convocatoria de axudas para producións ou coproducións audiovisuais en lingua galega.
 
Rodado en diferentes localizacións de Galicia e Arxentina, o filme recupera historias ordinarias a través de personaxes como o de Merce, destinada a servir na casa dunha familia acomodada de Bos Aires, pero rapidamente despedida. Sen lugar onde ir nin a quen acudir, pasa tres días encadeada na Estación Constitución da capital arxentina, onde a súa vida se entrelaza coa de outras emigrantes. Tras conseguir traballo na fábrica Mil8, Merce casa e asiste a clases de contabilidade nunha das Sociedade Galegas. Mais un día calquera, a súa rutina saltará polos aires.
 
Reparto
A poeta e actriz Eva Veiga encabeza o reparto desta película, para a que Margarita Ledo contou tamén coas interpretacións de Xabier Deive, Lino Braxe, Tamar Novas, Margarita Fernández, Mónica Camaño, Xoana Pintos, Clotilde Iglesias, Néstor Ageitos e Darío Ageitos.
 
Para o desenvolvemento deste proxecto, situado dentro dos parámetros do chamado cinema patrimonial, a directora partiu da realidade documental recollida a partir de relatos de mulleres, estudos sociolóxicos e representacións literarias arredor da emigración. Ademais, introduciu como personaxe masculina a Antón Moreda, o protagonista de carne e óso da súa novela Porta blindada, editada por Xerais en 1990. A película establece unha ligazón cun feito central do século XX, a emigración, desde a experiencia das mulleres como un dos grupos máis fráxiles e só parcialmente visible, para ofrecer un relato en espiral que vai cara ás sensacións que se van labrando no interior das persoas a raíz do seu choque con determinados lugares e situacións.
 
Percorrido internacional
A cicatriz brancarecala en Santiago de Compostela como parte do percorrido de proxeccións e presentacións en festivais que iniciou este ano e que, a finais deste mesmo mes, a levará a Bos Aires para a súa exhibición no Espacio Cultural Virrey Liniers e no Centro Cultural de la Cooperación.
 
As entradas para as dúas proxeccións no Salón Teatro poden adquirirse a través da billeteira electrónica da web de Novagalicia Banco ou no despacho de billetes do teatro, que abrirá ao público os días de proxección desde dúas horas antes do comezo. O seu prezo e de 4 euros máis gastos de xestión.
 
Poeta, escritora, cineasta e recoñecida feminista, Margarita Ledo é tamén autora de obras sobre cinema autoral e investigadora arredor das pequenas cinematografías, as políticas da diversidade e os novos modos de consumo cultural. É catedrática de Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago e numeraria da Real Academia Galega, ademais de presidir e copresidir diferentes asociacións científicas locais e internacionais no eido das Ciencias da Comunicación.

-A cicatriz branca