Xesús Vázquez Abad salienta en Cardiff a puxanza da música de Galicia como principal reclamo para o Womex galego de 2014

  O conselleiro de Cultura e Educación presentou hoxe, dentro do programa da World Music Expo, que se está a celebrar na capital galesa, as liñas mestras do mesmo evento que acollerá Santiago do 22 ao 26 de outubro do ano que vén

  Womex 2014 reunirá 3.000 profesionais de empresas musicais e selos discográficos de 90 países arredor dunha intensa actividade feiral e artística

  As expectativas da actividade comercial e artística cifra en máis de 2 millóns de euros o retorno económico que o certame suporá para a economía galega

Xesús Vázquez Abad salienta en Cardiff a puxanza da música de Galicia como principal reclamo para o Womex galego de 2014
[25/10/2013]
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou hoxe no Womex (World Music Expo) de Cardiff a próxima edición do mesmo evento internacional, o máis importante a nivel mundial para a difusión da música de raíz, que acollerá Santiago de Compostela do 22 ao 26 de outubro de 2014.

O titular de Cultura, quen realizou a súa intervención nun acto programado no Motorpoint Arena da capital galesa, defendeu o momento actual de puxanza e creatividade da música galega como orixe e reclamo para a próxima celebración en Galicia deste encontro que compartirán como sedes a Cidade da Cultura e a zona monumental compostelá. Nesta presentación participaron, así mesmo, Anna Pötsch, directora de Womex, Antonio Martínez Kinader, da promotora galega Nordesía, e o gaiteiro Xosé Manuel Budiño, quen protagonizou unha interpretación musical en directo como peche da presentación da que será a edición galega do Womex.
 
Diante dunha nutrida representación de delegados internacionais e xornalistas especializados acreditados, Vázquez Abad enxalzou os méritos da música galega ao longo da historia, así como a forza da industria musical que desenvolve a súa actividade hoxe en día en Galicia para comunicar as liñas mestras que rexerán o desenvolvemento en Santiago de Womex 2014.
 
Retorno económico de 2 millóns de euros
Está previsto que este evento reúna o ano que vén na capital de Galicia 3.000 profesionais do eido musical, entre os que figuran 2.200 representantes institucionais e privados (distribuidores, produtores, managers...) que se desprazan desde 90 países, así como selos discográficos, medios de comunicación, festivais e formacións musicais. A intensa actividade comercial e artística que se desenvolverá ao longo de cinco días xera en cada novo destino de Womex un elevado retorno económico, cifrado en máis de 2 millóns de euros para a economía local e galega.     
 
O conselleiro de Cultura, que presentou a Galicia como un país que foi quen de desenvolver unha música propia, auténtica, viva e dinámica, “a través da que –dixo- a tradición do noso pobo expresouse co sentimento e a liberdade do máis xenuíno, percorrendo un camiño secular no  que a música, con todos os seus estilos, as súas manifestacións e os seus protagonistas para cada momento histórico, guiounos ata as tendencias máis modernas e contemporáneas dos nosos compositores e intérpretes, que hoxe compiten con valentía por facerse un oco no mercado global so século XXI”
 
Vázquez Abad recoñeceu o traballo de todos cantos inciden nos eidos da creación, a interpretación, o ensino, a conservación e a difusión musical en Galicia e explicou que, como próxima anfitrioa de Womex, Compostela ofrecerá un evento “novedoso e diferente”, que conta co respaldo firme da Xunta de Galicia e cos apoios do Concello de Santiago e do Goberno de España para desenvolver unha nova edición do evento na que figura Nordesía producións como promotora local do evento en asociación coa organización internacional de Womex.
 
Womex de contrastes
Explicou tamén que Galicia está a preparar xa un Womex “de contrastes”, no que a actividade feiral e expositiva que albergará en horario diurno o moderno conxunto arquitectónico trazado en pos da difusión cultural desde a Cidade da Cultura, contraporase aos concertos que ao caer a noite terán lugar en distintos emprazamentos do casco histórico compostelán.
 
O conselleiro destacou así mesmo o papel de Galicia como ponte coa lusofonía e co continente americano como valores engadidos eo Womex 2014, xa que á dimensión do propio evento engádese “a estratéxica situación xeográfica de Galicia como vértice entre o resto de España e Portugal, ademais dos seus tradicionais vínculos con Latinoamérica”, o que, fará que se multipliquen as oportunidades e vantaxes que se abren no eixo de relación da denominada “Atlantic Connection”, aseverou.
 
Reunión coa delegación empresarial galega
O titular de Cultura comezou a xornada na capital galesa cunha xuntanza cos representantes das seis empresas que compoñen a delegación galega desprazada estes días a Cardiff e que desenvolven a súa misión comercial no stand conxunto de Womex 2014 agrupadas baixo a marca GalicianTunes que promove a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Neste encontro, Vázquez Abad recolleu as suxestións de todos os participantes na tarefa común de avanzar na proxección exterior da música galega e intercambiou con eles as expectativas de negocio que se presentan na feira.
 
A última hora da tarde de hoxe será recibido nun acto solemne no parlamento galés, que estará presidido pola presidenta da asamblea, Rosemary Butler, e no que se escenificará a remuda de sede de Womex de Cardiff 2013 a Santiago de Compostela 2014.
 
A continuación, toda a delegación galega asistirá ao concerto que o mestre da frauta e da gaita Xosé Manuel Budiño ofrecerá no Wales Millenium Center, dentro da programación oficial de showcases de Womex.

[Na imaxe, vista xeral do stand de Galicia-Womex 14 no Motorpoint Arena de Cardiff. Fotografía: Jacob Crawfurd]

-Páxina oficial de Womex