O 'Show' de MICAtlántica ofrecerá en Santiago unha semana de espectáculos galegos e arxentinos organizada pola Consellería de Cultura

  O Mercado das Industrias Culturais Atlánticas que promoven a Xunta de Galicia e a Secretaría de Cultura de la Nación Argentina, amosará 11 propostas teatrais e musicais e un ciclo audiovisual de acceso gratuíto para o p&

  Xoel López, Luar na lubre, Cristian Zárate, Barroso & Peixoto, Marcelo e Hugo Dellamea, Rosa Cedrón, Uxía, Chango Spasiuk, Roi Casal ou Sèrgio Tannus son algúns dos participantes no extenso programa de concert

  O programa paralelo ás sesións profesionais e divulgativas, no que colabora o Concello de Santiago, se abrirá cun concerto da Real Filharmonía de Galicia en homenaxe á música do cinema

O 'Show' de MICAtlántica ofrecerá en Santiago unha semana de espectáculos galegos e arxentinos organizada pola Consellería de Cultura
[10/11/2013]
A Consellería de Cultura e Educación deseñou un intenso programa de montaxes teatrais e concertos e un ciclo de cinema dedicado a Arxentina como espectáculos abertos ao público xeral e paralelos a MICAtlántica, o Mercado das Industrias Culturais Atlánticas que terá lugar en Compostela do 23 ao 26 de novembro.

 En colaboración co Concello de Santiago, diferentes escenarios da cidade acollerán estas propostas, nas que participarán tanto artistas galegos como arxentinos. O programa, que será de entrada libre, estenderase máis alá das sesións profesionais e divulgativas de MICAtlántica na Cidade da Cultura de Galicia e prolongarase durante a semana completa, desde o venres 22 ata o venres 29.
 
MICAtlántica está organizado conxuntamente pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, AGADIC, e a Fundación Cidade da Cultura) e a Secretaría de Cultura de la Nación Argentina co obxectivo de situar a Galicia como punto de encontro para a promoción do negocio cultural entre España, Portugal e Iberoamérica.
 
O ‘show’ de MICAtlántica
A sección dedicada ao teatro e á música, denominada MICAtlántica Show, inaugurarase o venres 22 ás 20.30 horas no Auditorio de Galicia cun concerto da Real Filharmonía de Galicia, baixo a dirección do compositor arxentino José Luis Castiñeira de Dios e coa participación do grupo de tango evolución Cristian Zárate Sexteto. Con esta cita, dedicada á música no cinema arxentino, celebrarase a benvida aos máis de 300 representantes de institucións e empresas que participarán tanto nas roldas de negocio como nos debates, conferencias e presentacións de proxectos programados en MICAtlántica.
 
Entre as actividades musicais figuran tamén os concertos de Luar na Lubre, un dos grupos folk máis destacados do panorama internacional; e do galego Xoel López, un dos máis influentes representantes do pop-rock español. Tamén destacan as propostas de fusión galego-arxentina de Lorena Lores, artista de orixe galega criada en Bos Aires, ou a colaboración entre músicos de ambas beiras do Atlántico, como son os casos de Cristian Zárate Sexteto e Barroso & Peixoto, ou Marcelo e Hugo Dellamea, Ariel Sánchez e Davide Salvado Trío.
 
Tamén ofrecerán un concerto conxunto as galegas Uxía e Rosa Cedrón coa arxentina Micaela Chauque, a galega de orixe cubana Jamila Puro e o brasileiro Sèrgio Tannus, que tras varios anos residindo en Galicia bautizou o seu último disco co título ‘Soy Brasilego’. O programa musical pecharase o venres 29 no Auditorio Novagalicia Banco de Compostela co concerto de dous prestixiosos músicos: o acordeonista arxentino Chango Spasiuk e o arpista galego Roi Casal.
 
Tamén teatro e cinema
O programa de teatro achegará unha das súas propostas máis destacadas o luns 25 ás 20.00 horas no Auditorio Novagalicia Banco. Trátase da posta en escena da obra ‘Miembro del jurado’, do dramaturgo Roberto Perinelli, interpretada polo Teatro Nacional Cervantes, unha das compañía públicas de artes escénicas máis emblemáticas de Arxentina. Durante a fin de semana ofrecerase unha singular cita co microteatro, da man do dramaturgo, artista visual e actor bonaerense Fernando Rubio, quen na obra ‘Todo lo que está a mi lado’ convidará ao público a unha orixinal colaboración como parte da propia montaxe. Para presentar esta peza en Compostela, o autor contará coa colaboración especial das actrices galegas Sara Casasnovas, Belén Constenla, Iria Pinheiro, Erica González, Mariola Verdía, Rosalía Castro e Lúa Testa. Tamén participará en MICAtlántica Show a compañía galega Teatro Galileo, que presentará na Fundación SGAE a obra ‘Desfeitos’, da dramaturga e actriz Febe Chaves.
 
No tocante ás propostas cinematográficas, o festival Cineuropa, que celebra este ano a súa vixésimo sétima edición, ofrecerá o ciclo MICAtlántica CINE, dedicado a algunhas das máis importantes propostas de directores arxentinos, como Gaspar Shener, Agustín Toscano e Ezequiel Radusk. Neste ciclo destaca a visita a Compostela dos directores Paula de Luque con motivo da proxección da película ‘Juan y Eva’; e Julio Ludueña, que achegará as súas ‘Historias de cronopios y de famas’. Tamén presentarán a película ‘Mercedes Sosa, la voz de Latinoamérica’ o seu director, Rodrigo Vila, e o fillo da mítica artista arxentina, Fabián Matus. As proxeccións desenvolveranse no Salón Teatro e no Teatro Principal, tamén con entrada libre, previa recollida de convites.

-Web de Micatlántica.