120 MÚSICOS ASPIRAN ÁS 30 PRAZAS DISPOÑIBLES

Audicións de acceso á Escola de Altos Estudos Musicais

[05/05/2006]
Un total de 120 aspirantes participará a partir de mañá e ata o 9 de maio nas audicións que celebrará en Santiago a Escola de Altos Estudos Musicais para seleccionar aos alumnos que integrarán a promoción 2006-2008 da súa Sección de Especialización.
Tralas probas, nas que os candidatos deberán interpretar ante un tribunal as pezas propostas para a especialidade musical á que opten de entre as 12 que imparte o centro -violín, viola, violonchelo, contrabaixo, óboe, frauta, clarinete, fagot, trompa, trompeta, trombón e percusión-, confeccionarase unha lista co obxectivo de cubrir as prazas dispoñibles en función das posibilidades e necesidades da Escola, que cada ano mantén un mínimo de 30 alumnos activos.

As audicións darán comezo mañá, ás 10.00 horas, coas probas para os aspirantes de frauta, tralas que terán lugar as de percusión. Ao día seguinte, celebraranse as de viola, violonchelo, violín, óboe e fagot na quenda da mañá, e as de trombón, trompa e contrabaixo na da tarde. Por último, a tarde do luns 8 de maio reservarase para os aspirantes a alumnos de trompeta, e a do mércores 9 para os de clarinete.

Bolsas

Os estudantes seleccionados como activos terán dereito a recibir de xeito gratuíto clases individuais, de música de cámara, de práctica orquestral, clases teóricas, maxistrais e cursiños a cargo do profesorado estable ou convidado do centro. Ademais, concederanse bolsas de axuda para sufragar gastos de desprazamento, manutención e aloxamento derivados da permanencia na Escola a aqueles alumnos que xustifiquen a súa necesidade de acordo cos criterios de adxudicación que se especifican nas bases.

A Escola elaborará tamén unha lista de espera conformada por aqueles músicos que, sen ter obtido praza como alumnos activos, demostren un bo nivel nas audicións. Os integrantes desta lista poden ser chamados para cubrir posibles vacantes, ademais de estar convidados a participar como alumnos oíntes en todas as actividades organizadas polo centro, que deste xeito amplía o seu labor educativo.