Vázquez Abad asegura que MICAtlántica foi un éxito que superou as expectativas e conseguiu ata o momento 11 acordos institucionais e 20 privados

  Galicia pasa a formar parte da estrutura de MICA, un evento que permitirá ás industrias culturais galegas contar con representación no MICSur, que se celebrará no mes de maio en Mar del Plata coa participación de 10 países de América do Sur

  Santiago de Compostela será a cidade convidada na edición de 2016 da Feira do Libro de Bos Aires

  O conselleiro de Cultura e Educación presentou hoxe co director Nacional de Industrias Culturales argentinas o balance desta feira na que durante catro días participaron 410 axentes culturais de España, Arxentina e Portugal para desenvolver 1.550 reunións de traballo

Vázquez Abad asegura que MICAtlántica foi un éxito que superou as expectativas e conseguiu ata o momento 11 acordos institucionais e 20 privados
[30/11/2013]
 Xesús Vázquez Abad asegurou hoxe que o recentemente celebrado Mercado das Industrias Culturais Atlánticas “superou con creces as nosas expectativas, posto que reuniu a máis de 410 axentes culturais de España, Arxentina e Portugal, desenvolvendo 1.550 reunións de traballo, que se materializaron en  11 acordos institucionais e 20 privados”.

O titular de Cultura e Educación ofreceu nunha rolda de prensa na Cidade da Cultura sobre os resultados deste cumio cultural entre tres países (España, Arxentina e Portugal), que se celebrou en Santiago entre os pasados 23 a 26 de novembro. Vázquez Abad  informou dos acordos máis importantes acadados entre o seu departamento e a Secretaría de Cultura arxentina, como é a incorporación de Galicia como territorio asociado á estrutura de MICA (Mercado de las Industrias Culturales Argentinas), “un evento que permitirá ás industrias culturais galegas contar con representación no MICSur, que se celebrará o vindeiro mes de maio en Mar del Plata coa participación de 10 países de América do Sur; así como noutros formatos MICA que se desenvolvan no futuro”. Á rolda de prensa asistiron tamén o director Nacional de Industrias Culturales Argentinas, Rodolfo Hamawi; o secretario de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo; o director da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), Jacobo Sutil; a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño; e o cónsul de Arxentina en Galicia, Roberto E. Gudiño.
 
Compostela, convidada á feira de Bos Aires
Vázquez Abad anunciou ademais que Santiago de Compostela será a cidade convidada na edición de 2016 da Feira do Libro de Bos Aires, “unha das principais feiras do libro de Latinoamérica, e un mercado que para a edición galega é estratéxica e absolutamente irrenunciable”. Asemade, debullouse tamén unha liña de intercambio de contidos culturais entre a Cidade da Cultura de Galicia e a Casa de la Cultura Villa 2, centro cultural recentemente inaugurado polo Goberno arxentino no barrio porteño de Barracas; e acordouse a posta en marcha de MICAtlántica CREA como primeiro programa de formación recíproca no ámbito das industrias culturais coas achegas de expertos de Arxentina e Galicia.
 
En canto ás iniciativas de carácter sectorial, no ámbito musical planificouse a promoción da música arxentina no Womex 2014 que se celebrará o vindeiro mes de outubro en Santiago. Doutra banda, a Secretaria de Cultura arxentina e a Agadic chegaron a un acordo para a promoción da produción musical de ambos países que garanta a presenza da música galega na Plataforma Argentina de Música (PAM) e da música arxentina en GalicianTunes.
 
Xiras recípocas de espectaculos
No ámbito das artes escénicas, o Instituto Nacional de Teatro e a Agadic, a través do Centro Dramático Galego, abrirán unha vía de colaboración directa para explorar proxectos de cooperación cara a xiras de espectáculos, producións, estadías de profesionais escénicos e programas de formación.Nesta mesma liña de traballo, o Teatro Nacional Cervantes e o CDG impulsarán un convenio semellante para o intercambio das súas propias producións teatrais.
 
En canto ao sector dos videoxogos, o conselleiro de Cultura e Educación adiantou que neste momento estase elaborando un convenio entre a Asociación de Desarrolladores de Videojuegos de la Argentina (ADVA) e a Agadic para promover actividades de interrelación, centrándose especialmente en residencias recíprocas de profesionais.
 
Pola súa banda, Artesanía de Galicia e o Mercado de las Artesanía Tradicionales Argentinas (MATRA) preparan xa a posta en marcha de programas conxuntos de formación e capacitación da produción artesanal, así como de exhibición de produtos. Asemade, no marco xenérico da difusión cultural, os gobernos arxentino e galego están a elaborar un acordo institucional para a colaboración da Xunta de Galicia nas celebracións en 2014 do centenario do nacemento de Julio Cortázar, a través do legado fotográfico e fílmico que Aurora Bernárdez –viúva do gran autor arxentino e filla de galegos– doou xenerosamente á nosa Comunidade Autónoma.
 
Mesas redondas, obradoiros e concertos
No remate da súa intervención, Vázquez Abad afirmou que “todos estes acordos e as novas liñas de traballo abertas en MICAtlántica reflicten o dinamismo das industrias culturais e o potencial económico e social destes sectores. As accións explicadas hoxe -continuou-, e futuros proxectos que anunciaremos proximamente, confirman a solidez desa ponte cultural, histórica e mesmo sentimental que, como patrimonio compartido, non podemos nin debemos deixar de cruzar”. Por último, o conselleiro agradeceu ao Goberno arxentino que tivera elixido Galicia como anfitrioa da primeira edición que este mercado das industrias culturais celebra fóra do seu país.
 
Arredor da zona LAB, como centro neurálxico da actividade de negocio, MICAtlántica despregou así mesmo un espazo para a análise e a reflexión a través de 47 mesas redondas, obradoiros e presentacións de proxectos, ao tempo que compartiu co público galego unha carteleira que se estendeu durante oito días cun total de 16 concertos, espectáculos teatrais, proxeccións de cinema e mesmo unha pasarela de deseño téxtil e artesanal.

Acordos no ámbito privado
Ademais de todos os acordos de entre a Administración galega e a arxentina, o MICAtlántica foi un evento que facilitou o intercambio de proxectos e a celebración de reunións entre axentes culturais das dúas beiras do Atlántico. Neste sentido, na rolda de prensa de hoxe tamén se enumeraron os 20 acordos de carácter privado acadados nos seis sectores arredor dos que xirou esta feira (Artes Escénicas, Audiovisual, Deseño e Artesanía, Editorial, Música e Videoxogos), e prevese que proximamente se podan materializar moitos máis.

No campo das Artes Escénicas, unha produtora galega realizou as primeiras xestións de cara a unha posible adquisición dos dereitos da obra ‘Todo lo que está a mi lado’, de Fernando Rubio, para a súa representación en diferentes cidades de Galicia. No referente ao Audiovisual, os produtores de Canal Encuentro reuníronse con profesionais galegos para tratar de realizar producións de animación e micros de stop motion sobre a prevención de accidentes domésticos e o aforro de enerxía. Asemade, está previsto que empresas galegas produzan para os canles arxentinos Ecuentro, Paka Paka e Depor TV.

No sector do Deseño e Artesanía, o Mercado de Artesanías Argentinas mostrou o seu interese polo proxecto Talleres Abertos da Asociación de Artesanía de Galicia.  Nas roldas de traballo pecháronse acordos para a participación de deseñadores arxentinos na Bienal Iberoamericana de Diseño que se realizará proximamente en Madrid. Tamén neste ámbito, trece deseñadores arxentinos visitaron e reuníronse co director da Escola de Arte Superior de Deseño Mestre Mateo, dependente da Consellería de Cultura e Educación, con quen se acordou pechar diferentes colaboracións e intercambios con universidades de deseño Arxentinas.

Respecto á área Editorial, as roldas de negocios con autores, editores, ilustradores, plataformas dixitais, librerías e distribuidoras, promoveron a concreción de acordos de coedición entre os representantes de España, Portugal e Arxentina.

O sector da Música foi un dos máis beneficiados do MICAtlántica, posto que por un lado os artistas galegos Luar na Lubre e Roi Casal, que xa tiñan xiras previstas en Arxentina, atoparon potenciais colaboradores para a realización de novos concertos no país latinoamericano. Doutra banda, o Music Manager Forum puxo en contacto a representantes galegos con outros arxentinos para coñecer o funcionamento do sector en Sudamérica. Tamén, varias axencias de representación teñen previsto realizar un intercambio de artistas procedentes dos dous países para facer xiras musicais. Ademais, houbo unha alianza con unha compañía de distribución de contidos dixitais para comercializar o CD ‘Valentín Alzeimer’ do grupo punk ‘2Minutos’, e a edición e distribución en Arxentina dun disco recompilatorio de artistas galegos.

Por último, no sector dos Videoxogos, asinouse o primeiro acordo entre as empresas galegas Ficción Producciones e Imaxin Software e as arxentinas Dedalord, Gamester e Sismo para proxectos de coprodución, publicación en Europa de contidos latinoamericanos e concurso sobre propiedades intelectuais. Asemade, estableceuse unha relación entre estas empresas e as Universidades de Vigo, Estremadura e Valencia, a través do grupo de investigación Alfas.