Cultura e Educación promove o audiovisual galego no European Film Market da Berlinale

  Apoia a participación das produtoras Adivina, Ficción, Frida, Matriuska, Tic-Tac e Vaca neste estratéxico mercado cinematográfico, considerado o segundo en importancia a nivel mundial

  A organización desta misión comercial encádrase no programa de internacionalización do sector que a Agadic desenvolve en colaboración co Igape

Cultura e Educación promove o audiovisual galego no European Film Market da Berlinale
[06/02/2014]
A Consellería de Cultura e Educación, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), participa xunto a seis produtoras galegas no European Film Market, considerado o segundo mercado cinematográfico do mundo, que dá comezo hoxe en Berlín no marco da 64ª edición do seu Festival Internacional de Cine (Berlinale).

Esta misión comercial e institucional, a cuarta galega neste encontro alemán e a segunda organizada directamente pola Agadic, encádrase no programa de internacionalización do sector que Cultura e Educación continuará impulsando durante este ano 2014 en colaboración co Instituto Galego de Promoción Económica (Igape). Dentro desta mesma liña de apoio, en 2013 o audiovisual galego tamén estivo presente no Marché du Film, MIPTV e MIPCOM de Cannes e en Ventana Sur de Bos Aires.
 
No European Film Market, Galicia conta cun espazo propio dentro do pavillón Cinema from Spain, promovido xunto ao Instituto de Comercio Exterior (Icex), o Instituto Nacional da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA), a Federación de Asociacións de Produtores Audiovisuais (FAPAE) e outros organismos autonómicos.
 
Apoio institucional e económico
Ademais de dispoñer deste recinto para a promoción dos seus filmes e a celebración de xuntanzas de traballo, os representantes das empresas galegas asistentes –Adivina Producciones, Ficción Producciones, Frida Films, Matriuska Producciones, Tic-Tac Producciones e Vaca Films– reciben apoio económico para financiar parte dos gastos de viaxe, aloxamento e inscrición no evento.
 
Estas compañías terán a oportunidade de realizar transaccións comerciais, participar en distintos foros de coprodución e asistir aos numerosos debates e conferencias que se organizan durante a celebración do mercado, no que a Agadic busca impulsar a promoción e a venda das obras audiovisuais galegas, así como as coproducións e a procura doutro tipo de oportunidades de negocio.
 
Ademais, no European Film Market distribuirase diferente material promocional sobre o cinema galego e a súa industria. Neste sentido, destaca a nova edición do catálogo ‘Films from Galicia’, que ofrece unha escolma da produción audiovisual galega máis recente, clasificada en longametraxes de ficción, animación, documentais e traballos para televisión. Tamén se difundirá ‘Ways to Film’, publicación concibida como carta de presentación de Galicia como escenario de rodaxe tanto polas súas localizacións, como pola competitividade da súa industria audiovisual.
 
O European Film Market, que se desenvolve ata o 14 de febreiro en paralelo á Berlinale, é un dos máis importantes escaparates da produción cinematográfica internacional, só superado en cifras polo Marché du Film de Cannes. Segundo os datos da organización, a anterior edición de 2013 congregou preto de 8.100 participantes de 94 nacionalidades –dos que 1.691 estaban rexistrados como compradores– e arredor de 172 expositores (na súa maioría produtoras, distribuidoras e organismos oficiais); e contou cun intenso programa de actividades que incluíu 591 estreas e 1.166 ‘screenings’.

-Web do European Film Market