Erick Patrith Jiménez Vindas

[00/00/0000]

Comezou como bailarín aló polo ano 1996 e desenvolveu a súa actividade profesional máis adiante como coreógrafo e director artístico.

Como bailarín a súa actividade iniciouse en 1996 en Costa Rica, onde formou parte das compañías: Speculum Mundi (1996-98), Compañía de Cámara UNA Heredia (1997-99) e Nacional de Danza San José de Costa Rica (1999).

En 2000 xa estaba en España e o seu primeiro traballo foi de bailarín suplente en El Circo del Sol. Nos tres anos seguintes formou parte do Centro Coreográfico de Valencia e participou en: Photosensitive, esculturas improvisadas de José Antonio Orts; Jumping in the dark; Dancework, instalación e improvisación de Christie Harry; Dance Works, de Will Swanson; e Tower of Babel.

Do 2003 ao 2005 integrou a Compañía Fernando Hurtado. En 2005 participou no Tour Jazz Festival francés da man de Will Menter e pasou a integrar as compañías: Marina Donderis, Cienfuegos, Enclave e Patas Arriba.

No papel de coreógrafo estreouse en 1998 con Solo; en 1999 chegoulle a quenda a Ecdisis e en 2000 a Kala, que recibiu o primeiro premio do Concurso Coreográfico de Valencia. En 2001 realizou as coreografías de Estudio #1 e #2 e en 2004 chegou o musical Sesfebu. Entre o 2003 e o 2005 tamén foi co-creador de diferentes proxectos da compañía que integraba, a Fernando Hurtado, e en 2005 nomeárono coreógrafo da Universidade Nacional San José de Costa Rica.

Como director artístico Erick Patrith Jiménez comezou a súa actividade na Compañía Fernando Hurtado, entre 2004 e 2005; foi coreógrafo asistente de Land mark (proxecto desenvolvido por L'Ecole Superieurem du Arts du Cirque en colaboración coa escola de danza belga PARTS) en 2006. Nese último ano tamén foi o director artístico de Dance perfomance 1+1+1+1=4.