Cultura e Educación reúne 21 empresas musicais galegas que operarán en Womex desde o stand GalicianTunes

  As compañías acreditadas representan a medio centenar de formacións artísticas e compoñen a delegación galega máis numerosa de cantas teñen participado na feira internacional de música tradicional máis importante do mundo

  Tamén desenvolverán a súa actividade desde o mesmo espazo a Asociación Galega de Empresas Musicais, Músicos ao Vivo e Clubtura

  O obxectivo é unir esforzos individuais e facilitar o apoio institucional cara á materialización de acordos con homólogos profesionais

Cultura e Educación reúne 21 empresas musicais galegas que operarán en Womex desde o stand GalicianTunes
[21/10/2014]
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria promove a presenza da industria musical galega en Womex 2014 a través dun stand ‘paraugas’ no que, baixo a marca común de difusión exterior GalicianTunes, operarán un total de 21 compañías profesionais galegas e as tres principais asociacións do sector.

A maior parte das empresas acreditadas, que están dedicadas ao ‘management’ musical, representan a medio centenar de formacións artísticas galegas de todos os estilos e formatos, con especial tratamento á música tradicional e de raíz. Trátase, en concreto, das firmas Mada Producións, Merlo Branco, Aitana Eanes, Jamila Castillo, DezdeDez, Ouvirmos, Zouma Producciones, Acentral Folque, La Yogurtera, Mare, Noemi Mazoy, Inquedanzas Sonoras, Nordesía, Budiño/Lospregos, Galicia Fiddle, Musicarte Rey Saavedra, Pistacatro Produtora de Soños, DZ Pro, Chotokoeu, Iabadabadú Festicultores e Culturactiva.
 
A estas empresas, que compoñen a delegación galega máis numerosa de todas as misións a Womex, a feira de ‘world music’ máis importante e influente do circuíto internacional, súmanse os tres principais colectivos do sector: a asociación Músicos ao Vivo, a Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) e Clubtura, a asociación que agrupa as salas que programan música en directo en Galicia. 
 
Esta nutrida representación foi reunida pola Consellería a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Musicais) mediante unha convocatoria pública destinada a reforzar a participación da música galega en Womex aproveitando a celebración da vixésima edición deste evento único na capital de Galicia entre os próximos días 22 e 26 de outubro.
 
Acordos públicos e privados
O obxectivo é unir esforzos individuais e facilitar o apoio institucional dentro da plataforma de difusión transnacional que é Womex, cara á materialización de acordos con homólogos profesionais públicos e privados.
 
Deste xeito, o epicentro para o negocio musical galego en Womex será o stand GalicianTunes, un espazo de traballo e de relación que ocupará 54,5 metros cadrados dentro do Museo Centro Gaiás, desde o que se facilitará apoio loxístico aos inscritos e se difundirá material promocional dos intérpretes galegos e da música galega actual.
 
Como parte dese material amosarase tamén o CD ‘A Way To The Atlantic’, editado para a súa distribución internacional coa revista británica especializada ‘Songlines’ e que inclúe temas de Anxo Lorenzo, aCadaCanto, Caxade, Kepa Junkera & Os Cempés, Mónica de Nut & Virxilio da Silva, Budiño & António Zambujo, A Banda das Crechas, Najla Shami, Fuxan os Ventos, Talabarte, Nelson Quinteiro, Sés, Radio Cos, Víctor Aneiros e A Buxaina.
 
Tamén forman parte do stand os representantes dos artistas que actúan este ano dentro da programación de concertos de Womex: Davide Salvado (Selección Oficial), e Uxía e Germán Díaz (escenario Atlantic Conections).

Últimas actividades de Focus Galicia
Como reforzo e complemento a esta relevante participación galega en Womex 14, a Consellería de Cultura e Educación desenvolve desde o pasado domingo en Santiago, A Coruña e Ourense o programa Focus Galicia, ideado tamén baixo a marca GaliciaTunes como espazo para a proxección exterior da nosa música a través do encontro entre artistas galegos e unha selección de programadores culturais chegados de 16 países.
 
Esta delegación internacional, que hoxe centra a súa actividade na comarca do Ribeiro e na cidade de Ourense, está a asistir a encontros profesionais, visitas a espazos culturais e 12 concertos de artistas galegos en formato 'showcase': Abe Rábade, Banda Crebinsky, Som do Galpom, Cuarteto Caramuxo, Sés, Sumrrá, Najla Shami, Rosa Cedrón, Caxade, Radio Cos, Daniel Minimalia e Luar na Lubre.
 
Focus Galicia rematará mañá, coincidindo co inicio de Womex, cunha xuntanza de traballo entre os programadores convidados e os representantes de diferentes empresas musicais que terá lugar ás 11.00 horas na Cidade da Cultura de Galicia.

-Páxina web de GalicianTunes