Cultura e Educación ofrécelles ás compañías privadas a coprodución dun espectáculo de danza co Centro Coreográfico Galego

  A convocatoria publicada no DOG anuncia a licitación dun contrato por procedemento aberto que adxudicará a Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) por unha contía máxima de 50.000 euros

  A prestación consistirá na coprodución dunha montaxe de danza moderna, neoclásica ou contemporánea, incluídos os deseños de escenografía, vestiario e iluminación

  O adxudicatario, que terá total liberdade creativa para conformar o equipo técnico e artístico, deberá levar a cabo un mínimo de seis representacións públicas da peza

Cultura e Educación ofrécelles ás compañías privadas a coprodución dun espectáculo de danza co Centro Coreográfico Galego
[11/12/2014]
A Consellería de Cultura e Educación vén de ofrecerlles ás compañías privadas galegas a posibilidade de coproducir en 2015 un espectáculo de danza moderna, neoclásica ou contemporánea a través do Centro Coreográfico Galego, para o que achega unha dotación máxima de 50.000 euros mediante a licitación dun contrato coa Agadic.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou onte o anuncio coas bases que rexerán o devandito contrato, que se adxudicará por procedemento aberto con pluralidade de criterios e tramitación anticipada de gasto. Segundo se especifica nas prescricións técnicas, a prestación incluirá os labores de deseño de escenografía, de vestiario e de iluminación, a selección e contratación de intérpretes, e os ensaios e a distribución da montaxe resultante cun mínimo de seis representacións públicas. Neste sentido, concrétase que a estrea terá que levarse a cabo no prazo de dous meses desde a adxudicación do contrato e as cinco funcións restantes ata o 30 de novembro do ano que vén, sen posibilidade de prórroga.    
 
Asistido polo CCG
O adxudicatario terá total liberdade creativa para conformar o equipo técnico e artístico do proxecto. Unha vez seleccionado e ata o momento da estrea (período para o que se marca un prazo máximo de dous meses), recibirá asistencia por parte do Centro Coreográfico Galego canto á análise, asesoramento, planificación e viabilidade de estratexias tanto no relativo á xestión, financiamento e comercialización como no tocante aos aspectos artísticos.
 
A Agadic achegará para a realización do espectáculo un máximo de 50.000 euros, IVE incluído, e en todo caso a súa participación no financiamento da coprodución non debe exceder do 85 por cento do orzamento finalmente acordado. Unha vez realizadas as seis funcións mínimas esixidas, a peza pasará a ser distribuída en exclusiva pola compañía adxudicataria, co seu persoal artístico e técnico.
 
Para optar ao contrato, cada participante deberá presentar, entre outros documentos,  unha memoria onde se detalle a proposta artística e de produción da montaxe, o título e a autoría, a coreografía, as fichas artística e técnica, os plans e calendarios de ensaios e estrea, a previsión de cachet en xira, as autorizacións de autores, o plan de comunicación, etc. Os concursantes teñen que acreditar ademais as súas solvencias económico-financeira e técnica, así como xustificar o seu compromiso de adscrición de medios.
 
A presentación de proposicións debe facerse no rexistro da sede da Agadic na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, no prazo de quince días naturais a partir de hoxe.

-Anuncio publicado no DOG