Novas
A Consellería de Cultura e Educación apoiará os candidatos galegos na gala dos Goya



[06/02/2015]
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apoiará mañá na gala da vixésimo novena edición dos Premios Goya os profesionais galegos que optan a galardón en moi diferentes categorías. En nome da Consellería, asistirá ao evento o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil.Catro fitas con participación galega aspiran a conseguir estatuíña nesta gala, organizada en Madrid pola Academia de las Artes y las Ciencias Cinematográficas de España. Entre elas, atópanse dúas producións que contaron para a súa realización cunha achega económica por parte da Consellería. É o caso de ‘A tropa de trapo na selva do arco da vella’, de Abano Producións, que é candidata ao premio de mellor película de animación e que foi subvencionada a través da convocatoria de axudas da Agadic a producións e coproducións audiovisuais, na modalidade de longas de animación.
Pola súa banda, Ignacio Vilar e Carlos Asorey están nomeados na categoría de mellor guión adaptado por ‘A esmorga’, producida por Vía Láctea Films co apoio de Cultura e Educación e da Televisión de Galicia. Esta fita obtivo subvención dentro da liña de apoio á produción de longametraxes cinematográficas en lingua galega.
Ademais, na categoría de mellor curtametraxe de animación española foi nomeada ‘Sangre de unicornio’, do coruñés Alberto Vázquez, mentres que a película ‘El niño’, con participación da produtora galega Vaca Films, acadou un total de 16 candidaturas, incluíndo a de Raquel Fidalgo e Noé Montes a mellor maquillaxe e perruquería.
Categorías de interpretación
No referido aos intérpretes, o ferrolán Javier Gutiérrez foi seleccionado na categoría de mellor actor protagonista por ‘La Isla Mínima’, mesmo filme polo que a santiaguesa Nerea Barros é candidata a mellor actriz revelación.
Coa asistencia do director da Agadic a esta gala, o departamento de Cultura da Xunta de Galicia quere expresarlle os seus parabéns ao sector audiovisual galego por esta importante representación nestes 29º Premios Goya. Tal e como lles expresou no seu día aos candidatos galegos, este éxito reflicte o bo facer dos profesionais vinculados á actividade cinematográfica en Galicia, que desde as máis diferentes tarefas –creación, interpretación, produción…– están a demostrar o seu talento e bo facer.
-Premios Goya