A Agadic destina 600.000 euros ás subvencións para novos espectáculos escénicos producidos por compañías galegas

  A prioridade é favorecer a estrea de propostas profesionais de teatro, danza, maxia ou novo circo entre o 1 de abril deste ano e o 31 de marzo de 2016

  A Axencia da Consellería de Cultura e Educación publicou hoxe no DOG as bases destas axudas á produción escénica, que poden solicitarse desde mañá e ata o vindeiro 4 de abril

  Insírense no programa anual de apoio ás industrias culturais para 2015, que prevé un total de nove convocatorias para atender diferentes fases da creación, produción, distribución e promoción de produtos culturais

A Agadic destina 600.000 euros ás subvencións para novos espectáculos escénicos producidos por compañías galegas
[04/03/2015]
A Axencia Galega das Industrias Culturais da Consellería de Cultura e Educación publica hoxe no DOG a nova convocatoria anual de subvencións á produción escénica, a través da que destina un total 600.000 euros ás compañías profesionais galegas para a realización das súas próximas montaxes de teatro, danza, maxia ou novo circo.

A Agadic mantén a dotación desta liña de axudas respecto á convocatoria de 2014, da que resultaron beneficiarias un total de 26 formacións escénicas para desenvolver outros tantos espectáculos de distintos formatos e estilos que se están a representar nos escenarios durante a actual temporada 2014-15.
 
Esta é, ademais, a quinta convocatoria publicada do total de nove que a Axencia ten previsto poñer en marcha en 2015 no marco do programa anual de subvencións autonómicas ás industrias culturais, mediante o que se busca atender economicamente as diferentes fases dos procesos de creación, produción, distribución e promoción dos produtos culturais.
 
No caso destas axudas á produción escénica, o obxectivo é fomentar a presenza nos escenarios de novos espectáculos, en calquera das modalidades e disciplinas escénicas, estreados por compañías profesionais galegas entre o 1 de abril de 2015 e o 31 de marzo de 2016. As propostas poderán presentase a partir de mañá e ata o sábado 4 de abril por calquera dos medios que se recollen nas bases, onde se especifica como vía preferible a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es).
 
Catro modalidades
Do mesmo xeito que en anos anteriores, a convocatoria establece catro modalidades de subvención diferentes, a primeira das cales se reserva especificamente para propostas presentadas por empresas de nova creación, situando o límite de antigüidade en cinco anos e o de orzamento en 20.000 euros. Para o resto dos casos, as categorías veñen determinadas polo tamaño da produción para a que se solicita o apoio: espectáculos de pequeno formato, cun máximo de tres intérpretes en escena e 30.000 euros de orzamento; de mediano formato, cun elenco de entre catro e sete intérpretes e que non superen os 60.000 euros; e de gran formato, con máis de sete intérpretes e 80.000 euros como límite orzamentario.
 
A través destas axudas, a Axencia Galega das Industrias Culturais asumirá parte dos custos xerados durante a fase previa á estrea das propostas, apoio que non poderá superar o 85% do orzamento total da produción no caso das montaxes subvencionadas na modalidade de empresas de nova creación e o 75%, no das tres categorías restantes.
 
Valoración
Todas as propostas presentadas na forma e o prazo establecidos serán estudadas e puntuadas por unha comisión de acordo cos criterios fixados nas bases. Ademais de analizarse o novo proxecto a partir da memoria artística, técnica e económica previa, valoraranse outros aspectos como a porcentaxe mínima da subvención solicitada respecto do orzamento total do espectáculo, a facturación media da empresa e a súa capacidade de produción e distribución nos tres últimos anos, o nivel de contratación de persoal, os premios recibidos ou o investimento en promoción e publicidade.
 
Así mesmo, contarán con puntuación adicional as compañías que teñan previsto representar textos galardoados nos premios convocados pola Agadic (Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, Manuel María de literatura dramática infantil e Barriga Verde de textos para teatro de monicreques) e non estreadas con anterioridade, así como a realización conxunta de espectáculos a través de coproducións ou de unións temporais de empresas (UTE).

-Máis información