Novas
A Agadic adxudica 185.000 euros en axudas a 11 novos proxectos audiovisuais en fase de desenvolvemento



A través desta liña de apoio contribuirase ao financiamento da fase de preprodución de oito novas longametraxes de ficción, unha documental e outra de animación 3D, así como do piloto dun programa para televisión.
A contía adxudicada este ano, que rexistrou un incremento de 10.000 euros respecto do total concedido en 2014, distribúese entre os proxectos presentados por Abano Producións, Agallas Films, Alfonso de la Puente Vaquero, Danga Danga Audiovisuais, Ficción Producciones, Filomena 3D, Frida Films, Impulso TV Comunicación y Multimedia, Maruxiña Film Company, Pulsa Control Z e Vía Láctea Filmes.
Liñas de apoio complementarias
A través desta liña de apoio, a Agadic busca impulsar a posta en marcha de novos títulos audiovisuais galegos, acompañando as produtoras desde o mesmo momento en que comeza a preprodución dos seus próximos traballos. Xa de cara á súa posterior materialización e chegada ás pantallas, estas empresas teñen á súa disposición unha convocatoria autonómica de subvencións específica para produción e coprodución audiovisual, que en 2015 se dotou con dous millóns de euros, así como outros fondos estatais e europeos.
No caso das axudas a desenvolvemento, as contías adxudicadas este ano investiranse na adquisición de dereitos de autor, desenvolvemento de guións, asesoramento e actos xurídicos, deseño e realización de materiais promocionais, contratación de plans de márketing e participación en mercados e foros de coprodución e desenvolvemento de proxectos, así como en gastos de persoal e de Seguridade Social dos guionistas e/ou directores, entre outros. Ademais, tal e como especifican as bases, o importe que recibirá cada unha das empresas subvencionadas será distribuído entre as anualidades de 2015 e 2016.
Contías adxudicadas
En canto aos produtos para televisión, apóiase con 8.946,24 euros o desenvolvemento de 'O Tabernícola', proxecto presentado por Danga Danga Audiovisuais dentro da modalidade de pilotos de programas para televisión que destaquen por ofrecer formatos innovadores e alto potencial de internacionalización.