Novas
A Agadic reúne guionistas e directores audiovisuais para abordar as oportunidades que lles brinda o programa MEDIA europeo



A xornada, que correu a cargo do director da Oficina MEDIA España, Peter Andermatt, foi organizada pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria como parte do seu programa de formación continua Galicia ProFilme. Nela tratáronse, ademais, outros contidos de interese como a identificación das principais fontes de información europeas e a súa utilización, ou as iniciativas pedagóxicas e de Networking en curso dirixidas especialmente a creadores audiovisuais.
Esta é a terceira ocasión na que Andermatt visita Compostela para tratar directamente cos profesionais galegos distintas cuestións que poden favorecer a captación de fondos europeos. Así, en novembro de 2014 xa lles ofrecera aos responsables de diferentes produtoras independentes unha panorámica do MEDIA como apartado de Europa Creativa, programa que agrupará ata 2020 as subvencións europeas para todo o ámbito cultural. En febreiro pasado participou tamén nun encontro centrado na modalidade específica de subvencións ‘Single Project Funding’.
O director da Agadic, Jacobo Sutil, foi o encargado de presentar esta nova sesión informativa. Durante a súa intervención, anunciou a sinatura mañá xoves dun convenio de colaboración polo que a axencia da Consellería de Cultura e Educación pasará a formar parte do padroado da Fundación Cultural Oficina MEDIA España.
-Programa da sesión