Novas
A Agadic colabora coa SGAE para impulsar a carreira dos novos músicos a través do programa 'Galicia Creativa'



A iniciativa, que se materializa como unha serie de axudas nos distintos pasos do proceso de produción discográfica, foi presentada hoxe en Santiago polos responsables da SGAE Juan Rivas e Vicente Montoto, nun acto no que tamén participou o director da Agadic, Jacobo Sutil, para deixar testemuño do apoio da Xunta da Galicia ao proxecto.
O obxectivo de 'Galicia Creativa' é facilitar a gravación, proxección exterior e promoción do repertorio musical rexistrado pola SGAE entre os autores e intérpretes emerxentes galegos en cada un dos xéneros citados, para o que os seleccionados por medio desta convocatoria (un por cada estilo) recibirán asistencia para a gravación, mesturado e masterización íntegra dun disco cun máximo de seis temas, traballos que se levarán a cabo no estudo da sede compostelá da SGAE. Ademais, prestarase un servizo de asesoramento en produción, difundiranse os traballos gañadores entre os medios de comunicación e organizarase unha xira de catro concertos (tres en Galicia e un en Madrid) no primeiro semestre de 2016.
Proceso de titoría
Durante a presentación, o director da Agadic incidiu precisamente nas especiais características deste concurso, polo seu deseño como un proceso de titoría “segura e eficaz” cara a posta en circulación de novos produtos musicais galegos. Jacobo Sutil, que situou a cooperación con 'Galicia creativa' dentro da serie de accións da Agadic destinadas a fortalecer o sector musical galego, referiuse ademais ao programa como un medio idóneo para acadar que o potencial creativo que existe en Galicia nos ámbitos da interpretación e a composición musical se conduza da mellor maneira cara ao seu encontro co público.
Os interesados/as en participar en 'Galicia Creativa' teñen ata o 30 de agosto para presentar as súas solicitudes á Fundación SGAE, na forma que se especifica nas bases e coa documentación esixida. Tamén se solicita unha maqueta en disco compacto con dous temas orixinais en letra e música, que sexan ou ben rexistrados na SGAE e gravados polo grupo ou cantautor/solista, ou ben pertencentes ao repertorio SGAE.
Tras a escoita das maquetas, o xurado seleccionará como mínimo dous gañadores provisionais en cada un dos tres estilos ou xénero musical, os cales deberán someterse despois a unha audición en directo.
Poderán participar en 'Galicia Creativa' todos aqueles cantautores/solistas ou grupos de música integrados por un máximo de 10 membros, que desenvolvan a súa actividade en Galicia e que se encadren dentro dunha ou varias modalidades, estilos ou xéneros musicais de pop-rock, jazz e tradicional-folk. Outro requisito é que os solicitantes non teñan ningún disco editado anteriormente nin ningunha relación contractual permanente ou ocasional con empresas discográficas.
-As bases no web da Fundación SGAE