Circo, maxia e teatro centran a programaciˇn que 'Cultura no Cami˝o' desenvolverß desde ma˝ß en Santiago de Compostela

  A Xunta e o Concello compostelán promoven sete funcións na Praza da Quintana a cargo de Circo Chosco, Fusionarte, Pistacatro, trasPediante, Desastronauts e Ghazafelhos

  Estas actuacións, que terán lugar os martes e xoves ata o 25 de agosto, forman parte da conmemoración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela

Circo, maxia e teatro centran a programaciˇn que 'Cultura no Cami˝o' desenvolverß desde ma˝ß en Santiago de Compostela
[03/08/2015]

'Cultura no Camiño' recala en Santiago para ofrecer sete espectáculos de circo, maxia e teatro coa Praza da Quintana como escenario. A carteleira, que se estende desde mañá e ata día 25, forma parte do circuíto cultural e de lecer promovido pola Xunta e 93 concellos con motivo do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela.


As actuacións, programadas os martes e xoves ás 19.30 horas, darán comezo mañá día 4 coas acrobacias e os malabares do dúo Circo Chosco e a súa montaxe 'Forzud@s', na que a espectacularidade dos números circenses se combina co humor. O xoves día 6 será a quenda da maxia con Fusionarte. 'Ao ritmo da maxia' é o título da súa proposta de ilusionismo e música, que protagonizan Martín Camiña e o Álvaro Muras Trío.

O calendario de 'Cultura no Camiño' en Santiago continuará o martes 11 con Pistacatro Produtora de Soños e 'Fair Play', unha comedia en clave de cine mudo e circo que evoca os tolos anos vinte, e o xoves 13 con 'Up 2 Down', espectáculo no que a compañía trasPediante mestura circo contemporáneo e danza con notas de humor e clown.

Números aéreos e equilibrismos
Pola súa banda, Desastronauts abrirá a terceira semana de funcións o martes 18 coa súa última creación aérea, 'Un tonto no aire', mentres que Pistacatro regresará á Quintana o xoves 27 para lle achegar ao público 'Ekilibuá', un espectáculo de equilibrismos, acrobacias, lanzamento de coitelos e manipulación de obxectos.

'Cultura no Camiño' despedirase de Compostela o martes 25 co teatro de Ghazafelhos e a súa adaptación de 'As mil e unha noites', unha nova versión da historia de Sherezade e o sultán, que se presenta arredor dun carromato transformado nun escenario con todos os elementos para transportar os máis pequenos á antiga Persia.

En todas as rutas xacobeas
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e Turismo de Galicia están a desenvolver ‘Cultura no Camiño’ en colaboración con 93 municipios das diferentes rutas xacobeas e co patrocinio da empresa Gadis. O programa, que levará a cabo ata o 30 de setembro nas catro provincias galegas un total de 316 actuacións musicais, de teatro, danza, novo circo e maxia, forma parte das actividades conmemorativas do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela.

O calendario completo de actividades está dispoñible para a súa consulta no web da Agadic (www.agadic.info/culturanocamino), así como na sección de axenda da páxina de Cultura da Xunta de Galicia (http://cultura.xunta.es/gl/axenda).