Novas
A Xunta mobilizará 300.000 euros nos sectores editorial e das artes escénicas coa creación dunha Tarxeta-Bono Cultura Galega para a mocidade



Trátase dunha política directa de estímulo do consumo cultural entre a xuventude, xa que poderán adquirir este produto arredor de 6.000 mozas e mozos que, cunha achega de 33 euros, poderán realizar un gasto por valor de 50 euros.
Segundo explicou o conselleiro xa está aberto o prazo para que ata 180 establecementos se adhiran á iniciativa, que apoian tanto a Federación de Librarías de Galicia como Escena Galega. A tramitación da tarxeta-bono, así como a xestión das entradas aos espectáculos que con ela se merquen será desenvolvida por Afundación.
Na rolda de presentación da tarxeta-bono participaron, ademais do conselleiro, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil; a presidenta da Federación de Librarías, Pilar Rodríguez; a presidenta de Escena Galega, Belén Pichel; Benigno Paz, da Asociación Galega de Editores; e mais a coordinadora da área de Cultura de Afundación, Mª Teresa Cores.
Dinamización e impulso do consumo
Román Rodríguez sinalou esta iniciativa como política social que lles facilita aos máis novos o acceso a produtos culturais, ao tempo que constitúe un claro impulso económico tanto para as librarías como para as industrias culturais galegas. Neste sentido indicou a importancia de que a mellora progresiva do escenario económico comece a chegar á cidadanía.
Así mesmo explicou que se trata dunha acción en prol da difusión e coñecemento da cultura galega e producida na lingua propia de Galicia. Non en balde, a tarxeta-bono dará acceso a libros escritos en galego, en papel, incluíndo traducións doutras linguas ao galego; e mais a mercar entradas para espectáculos de artes escénicas levados a cabo na comunidade autónoma galega. No suposto de representacións teatrais, estas deben ser en idioma galego.
Descontos adicionais
O prezo da tarxeta para o usuario será de 33 euros, e con ela poderá realizarse un gasto de ata 50. Cómpre salientar que os establecementos adheridos que se dediquen á venda de libros deberán facer un desconto adicional do 10% no prezo do que se compre con cargo a este bono; e que a tarxeta é compatible con outros descontos ou ofertas. De acordo co devandito desconto, cunha destas tarxetas poderase ter acceso a comprar, por exemplo, 2 libros que custen 20 euros cada un e a un terceiro que custe 15 euros.
Unha vez se poña en marcha a venda de tarxetas-bono, a campaña terá unha duración de dous meses. O produto poderá mercarse ben por internet -no enderezo www.tarxetabonoculturagalega.gal- ou a través dun teléfono 902 que se habilitará ao efecto.
-Web da Tarxeta-Bono Cultura Galega
-Máis información